Lugo quere estar na vangarda dixital co seu Edificio de Novas Tecnoloxías
luns, 27 de marzo do 2017
Finalmente
e tal e como anunciamos dende Código Cero, inaugurouse o
venres 24 o Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, un
centro TIC ao servizo da cidadanía para, en palabras do Concello,
situar a cidade na vangarda dixital. Amais de fornecer gratuíta
e libremente tecnoloxías e servizos (computadores, accesos,
programas, etc) para que a veciñanza saque o máximo proveito da
Sociedade do Coñecemento, un dos obxectivos que alentaron a posta en
marcha do Edificio foi a vontade do Concello de dinamizar o casco
histórico e asentalo como referente de cara ás cuestións
tecnolóxicas locais. Máis en detalle, con esta nova infraestrutura
pública no corazón da zona vella (trátase dun inmóbel anexo ao
consistorio, recentemente remodelado), o Goberno local “ten vontade
de achegar un punto neurálxico dos recursos tecnolóxicos da cidade,
dirixido a todos os públicos e de todas as idades”.
O inmóbel foi inaugurado na tarde do día 24 pola
alcaldesa Lara Méndez, e a concelleira de Concello e Cidadanía,
Rosana Rielo, nun acto no que tamén estiveron presentes membros da
Corporación Municipal e o presidente da Deputación, Darío Campos,
entre outros representantes das administracións e das entidades
locais.
Segundo informou a alcaldesa, a posta en marcha do
edificio de novas tecnoloxías e do Vello Cárcere como centro
cultural, a vindeira semana, supoñen o colofón final ao Plan Urban,
un programa de investimento de 13 millóns de euros que nas súas
palabras “marcou un antes e un despois en Lugo” e que, engadiu,
“transformou a cidade, recuperou espazos públicos para o uso dos
cidadáns e puxo en valor a riqueza arqueolóxica que posúe a cidade
e o concello", subliñou a rexedora.
As obras de posta a punto do Edificio de Novas
Tecnoloxías, que supuxeron a ampliación da casa consistorial,
contaron cun orzamento de 330.500 euros, aos que hai que engadir os
495.000 que custaron as expropiacións e indemnizacións, outros
95.000 investidos na demolición e traballos arqueolóxicos e 65.250
do equipamento informático, é dicir, un orzamento total de preto
dun millón de euros. As tarefas realizáronse en dúas fases,
financiadas con cargo aos fondos do Plan Urban, que co-financia nun
80% a Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e que conta tamén
con achegas do Concello e a Deputación de Lugo.
Esta actuación implicou a expropiación de dous
pequenos edificios situados a carón do concello para construír e
realizar os equipamentos de primeira instalación dunha dotación
dedicada a usos relacionados coa sensibilización das novas
tecnoloxías, con actividades dirixidas tanto á cidadanía como a
empresas. Entre as alternativas que ofrece, ten unha biblioteca
especializada en TIC, aula para a formación, espazo para uso de
dispositivos electrónicos propio, área de navegación e sala
multiusos equipada para videoconferencias e bucle magnético para
persoas con deficiencia auditiva.
O equipamento informático co que conta son: 36
ordenadores, 3 impresoras, dous televisores, dous soportes para
televisor e seis licenzas de programas e software informáticos.
As instalacións
O inmóbel acabado de estrea conta cun andar
baixo, onde se empraza un espazo de atención ao público, con un
sofá, mesa e cadeiras para os usuarios (equipamentos realizados por
ASPNAIS), e unha zona para cargar dispositivos. Así mesmo, hai
equipos informáticos a disposición de usuarios e unha biblioteca
cuns 350 libros sobre seguridade informática, software,
programación, etc, que está integrada coa municipal. No primeiro
andar atópase unha aula de usos multimedia, así como unha sala de
ordenadores, e na segunda, outra sala de ordenadores. Todo edificio
conta con acceso sen fíos Wi-Fi cen por cen accesible e gratuíto
para a cidadanía.
O valor histórico do inmóbel
No andar baixo do predio acabado de remodelar,
este acubilla un tesouro que nada ten que ver co tecnolóxico pero
que, de calquera maneira, acrecenta o valor do edificio como
referente da vindeira dinamización social do casco vello lucense.
Trátase dos restos dunha basílica romana, en palabras do Concello
“a única mostra visible do Foro Romano da cidade”. Trátase,
máis en concreto, dun muro perimetral da nave central da basílica,
e outro que é paralelo a este e que se empregou como alicerce para
algunha estrutura que os técnicos non deron identificado. O muro de
peche ten un grosor de 1,30 metros e está composto por opus
caementiciumn, un tipo de formigón romano composto de cantos de
río e típico da zona norte, na base e por laxes de lousa na parte
superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura, serviría
como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas.
De cara a converter Lugo en punto
neurálxico da tecnoloxía
O Goberno de Lugo fixo
saber, con motivo da inauguración do Edificio, que “ten vontade
de converter este edificio de novas tecnoloxías no punto neurálxico
dos recursos tecnolóxicos da cidade, dirixido a todos os públicos e
de todas as idades, dende mozos a maiores, ben sexan ou non
profesionais, e tamén empresarios, emprendedores ou asociacións”.
E engadiu Rosana Rielo: “Ninguén é alleo ás vantaxes que supoñen
as novas tecnoloxías na sociedade actual, por esta razón o Concello
programará distintas accións formativas, tanto a nivel básico como
máis técnico, co obxectivo de mellorar as competencias dixitais dos
interesados e impulsar o seu desenvolvemento no ámbito da
tecnoloxía, ofrecéndolles a todas as persoas interesadas todas as
ferramentas coas que conta dito edificio”. Con esta finalidade,
engadiu, “tamén se levarán a cabo xornadas divulgativas ou
obradoiros, atendendo ás demandas”.
Horario
O edificio, que pasa
a depender da área municipal de Concello e Cidadanía, estará
aberto ao público dende o vindeiro luns, día 27, e con horario de
luns a sábado, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
