Lugopoética estrea páxina web

venres, 15 de marzo do 2024 S. P.

A iniciativa Lugopoética co-impulsada polo noso colaborador Xulio Xiz (director de Galicia Dixital) estreou esta semana a súa páxina web, www.lugopoetica.org, un espazo onde a organización deste ciclo de encontros arredor da poesía irá reflectindo a evolución das diferentes actividades desenvolvidas. De feito, xa está rexistrada na nova web a primeira das sesións celebradas. Co material acubillado os responsábeis da páxina materializarán a publicación dun libro en datas vindeiras.
A segunda destas xuntanzas celebrouse este xoves 14 de marzo ás 18,30h. na sede da UNED.
Lugopoética 2024 é unha iniciativa do Colectivo Egeria en colaboración coa UNED Lugo e a Xunta de Galicia, esta actividade conta nesta edición 2024 con seis encontros de poetas consagrados/as e noveis para contrastar a súa obra, homenaxear aos veteranos e potenciar a carreira dos novos creadores: tres escritores e tres escritoras de longa e frutífera traxectoria, e outras tantas voces novas que, en palabras da organización, “camiñan de xeito firme polos vieiros da poesía de Galicia”.
Resultado destes encontros será unha publicación dixital e física: Libro de poesía en galego, con escolma da obras dos poetas novos avalada polos autores consagrados, e o xuízo dun especialista en literatura galega da UNED.
Lugopoética nace con vocación de continuidade, pretendendo medrar no futuro con semellantes encontros “que reflictan a riqueza e potencial da creación poética nas terras lucenses”.
As sesións de 2024 desenvolveranse na sede da UNED en Lugo até o 6 de xuño.

PUBLICIDADE