Máis de 400 persoas participaron nos obradoiros de ciberseguridade do Plan Director en Laracha
mércores, 26 de novembro do 2025
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, co-presidiron este mércores 26 de novembro a Xunta Local de Seguridade de Laracha, na que participaron representantes da Policía Adscrita, da Policía Local, da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico así como da Subdelegación e do CIM da Laracha.
Na xuntanza analizouse a situación de seguridade no termo municipal. Destacaron que A Laracha consolídase como un concello seguro cunha taxa de criminalidade de 23,96 delitos por mil habitantes, máis de 10 puntos por debaixo da media da provincia e da de Galicia, sendo a comunidade galega a terceira máis segura de España. Destaca ademais o lixeiro descenso dos delitos tradicionais e o aumento dos delitos dixitais.
“A Laracha é hoxe un concello seguro, cunha evolución moi positiva nos indicadores de criminalidade. Estes datos non son froito da casualidade, senón do traballo constante das Forzas e Corpos de Seguridade e da colaboración institucional, que está a dar resultados moi sólidos na prevención e resolución de delitos”, afirmou Julio Abalde.
A Xunta Local analizou así mesmo o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa do Ministerio do Interior dirixido a reforzar a protección da comunidade escolar. No caso da Laracha, é a Garda Civil quen o leva a cabo.
No curso 2024-2025, participaron catro centros educativos e catro ANPAs, cun total de 54 accións formativas e informativas para 405 asistentes, entre alumnado, profesorado e pais e nais. As temáticas foron TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e ciberseguridade, mediacións en conflitos no ámbito escolar, acoso e ciberacoso, adiccións como apostas, videoxogos, drogas e alcohol, e sobre violencia de xénero.
O subdelegado, Julio Abalde, destacou que “o Plan Director é unha ferramenta esencial para axudar á mocidade a identificar riscos e adoptar condutas seguras tanto dentro como fóra dos centros escolares”.
No conxunto da provincia da Coruña participaron un total de 331 centros educativos con 2.016 accións formativas e informativas, o que supón o 40% de todas as realizadas en Galicia, con 35.744 asistentes.
