Máis de 60 memes humorísticos participaron no certame Dende o galego, con humor, da Fundación Carlos Casares
luns, 29 de decembro do 2025

- Primeiro premio: Uxía Rodríguez
A Fundación Carlos Casares segue a explorar novas linguaxes formas de comunicación creativa da mocidade e a xuventude á hora de dinamizar o galego. Baixo este marco, organizou do 20 de novembro ao 15 de decembro un concurso de creación de memes polo galego, patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña.
Baixo o título Dende o galego, con humor, presentáronse máis de 60 obras que exploraron diversas temáticas relacionadas coa convivencia cultural e lingüística do alumnado participante, amosando o seu singular punto de vista sobre o proceso de normalización lingüística do país.
O xurado estivo composto polo debuxante de banda deseñada Cristian F. Caruncho, pola profesora de lingua galega Vanesa Touriño, polo profesor de plástica Eusebio Rivero e polo secretario da Fundación Carlos Casares (Carlos X. Ares).

- O meme de Bruno Vázquez Pérez
O primeiro premio, dotado cun vale de 125 euros, para a compra de libros e material escolar nunha librería local, recaeu no meme creado por Uxía Rodríguez Vidal. O segundo premio foi entregado, ex aequo, a dúas obras cuxos gañadores recibirán cada un vale cada un de 75 euros para utilizar nunha librería local. Os gañadores foron Bruno Vázquez Pérez e Saúl González Alonso. O terceiro premio recaeu no meme creado por Iker Alonso Cid, por cuxa obra recibirá un vale de 50 euros.
O xurado tivo en conta tamén outras obras de especial interese, “magníficos memes de agudeza e calidade en prol de sinalar como a mocidade percibe o actual proceso do galego en Galicia”, informou a fundación, destacando as obras de Claudia Piñeiro, Dorian Rafael González, Martina Álvarez, León Fabeiro, Alba Fernández González, Claudia Berraqueiro, Lucía Ribal, Martina Barreiro, Patri Simón, Alicia Gómez, Youseff Ourchim, Nayara Fernández, Irene Martínez, Martín Gómez, etc.
“A creatividade e orixinalidade de moitas das obras presentadas foi excepcional e recolleranse nunha pequena publicación dixital que se distribuirá en 2026 a todo o alumnado participante, a centros escolares, e a outras entidades de interese”, engadiu a fundación.
