Meta adquire Manus

martes, 30 de decembro do 2025 Redacción

Meta anunciou a integración de Manus no seu ecosistema co obxectivo de acelerar o desenvolvemento e a adopción de axentes de intelixencia artificial de propósito xeral tanto para usuarios como para empresas. A operación (valorada en máis de 2.000 millóns de dólares segundo fontes consultadas polo The Wall Street Journal) supón a incorporación dunha das plataformas máis avanzadas en axentes autónomos ao conxunto de produtos de Meta, incluído Meta AI, nun movemento orientado a ampliar as capacidades de automatización, análise e execución de tarefas complexas a grande escala.
Manus desenvolveu un axente de intelixencia artificial capaz de executar de maneira autónoma procesos como investigación de mercados, programación ou análise de datos, completando fluxos de traballo de principio a fin sen intervención humana constante. Desde o seu lanzamento, a plataforma procesou máis de 147 billóns de tokens e impulsou a creación de máis de 80 millóns de computadores virtuais, cifras que reflicten un uso intensivo por parte de millóns de usuarios e empresas en todo o mundo.
O servizo de Manus seguirá operando de maneira independente, mantendo a súa oferta de subscrición a través da aplicación e do sitio web propios, ao tempo que se irá integrando progresivamente nos produtos do grupo. A compañía continuará tendo a súa base operativa en Singapur, unha decisión que, segundo as partes, garante continuidade organizativa e estabilidade para os clientes actuais.
Desde Manus salientan que esta integración non implica un cambio no modelo nin na toma de decisións da empresa, senón un reforzo da súa capacidade de crecemento. O seu conselleiro delegado, Xiao Hong, asegurou que a unión con Meta permite apoiar o desenvolvemento do produto «nunha base máis sólida e sustentable», mantendo a filosofía orixinal da compañía e o foco nos usuarios.
A operación tamén supón a incorporación do equipo humano de Manus ao cadro de persoal de Meta, co propósito de impulsar a creación de axentes de propósito xeral tanto en contornos de consumo como empresariais. A estratexia pasa por converter estas tecnoloxías nunha capa de execución fiable, capaz de trasladar os avances en intelixencia artificial a solucións prácticas e escalables no mundo real.
Meta considera que a integración de Manus reforza a súa aposta polos axentes autónomos como unha peza central da próxima etapa da intelixencia artificial aplicada aos negocios. A compañía prevé ampliar progresivamente o alcance desta tecnoloxía a millóns de empresas e a miles de millóns de persoas nas súas plataformas, nun contexto no que a automatización avanzada se perfila como un dos principais motores de transformación dixital nos vindeiros anos.