Meta, condenada a pagar 375 millóns de dólares por vulneracións na seguridade infantil
mércores, 25 de marzo do 2026

- A demanda contra Meta correu a cargo do fiscal xeral de Novo México, Raúl Torrez
Un xurado do estado de Novo México condenou a Meta a pagar 375 millóns de dólares por vulnerar as leis de protección ao consumidor, ao considerar probado que a compañía enganou aos usuarios sobre a seguridade das súas plataformas e permitiu a explotación sexual de menores. O veredicto, emitido en Santa Fe, supón unha das primeiras grandes derrotas xudiciais do xigante tecnolóxico en materia de protección infantil.
A demanda fora presentada en 2023 polo fiscal xeral de Novo México, Raúl Torrez, quen acusaba a empresa de non aplicar medidas de seguridade suficientes, facilitando que depredadores sexuais contactasen con menores a través das súas aplicacións. O xurado deu por boas estas alegacións tras un xuízo de seis semanas no que declararon docentes, investigadores e alertadores internos da compañía.
Segundo Torrez, «o veredicto do xurado é unha vitoria histórica para cada neno e familia que pagou o prezo da decisión de Meta de priorizar os beneficios fronte á seguridade». O fiscal sostén que a dirección da empresa era consciente dos riscos que implicaban os seus produtos, ignorou advertencias internas e trasladou unha imaxe enganosa ao público.
Meta, propietaria de plataformas como Facebook e Instagram, anunciou que recorrerá a decisión. A compañía de Mark Zuckerberg defende que conta cun historial sólido na protección de adolescentes en liña e asegura que continuará defendendo a súa postura nos tribunais.
Este veredicto podería ter consecuencias relevantes para o sector. En Los Ángeles está en marcha outro proceso xudicial no que se analiza o impacto das redes sociais na saúde mental dos usuarios, mentres crece a presión de familias, reguladores e organizacións civís para obrigar ás plataformas a introducir cambios no deseño dos seus produtos.
Ademais da indemnización económica, o fiscal xeral de Novo México prevé solicitar novas sancións e medidas correctoras nunha vista adicional prevista para o 4 de maio, co obxectivo de forzar modificacións nas aplicacións de Meta que reforcen a protección dos menores.
