Meta restaurará as contas de Trump en Facebook e Instagram

mércores, 25 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

En xaneiro de 2021, tras ser considerado o instigador dunha revolta que afectou ao propio Capitolio, as principais plataformas sociais na Internet decidiron bloquear as contas de Donald J. Trump, deixando sen altofalantes ao ex presidente, que buscou o seu propio atril en Truth Social, plataforma coa que ten unha relación contractual que lle obriga a publicar alí antes que noutras plataformas.
Hai pouco Elon Musk devolveu a conta de Twitter a Trump, en contraposición ás normas da propia plataforma, e aínda que Trump non volveu chiar, está a esforzarse en recuperar o seu espazo nas redes sociais de cara a unha candidatura presidencial para as eleccións do ano que vén.
Cómpre lembrar que Meta xa fixara que a suspensión de Trump en Facebook e Instagram tería un límite de 2 anos, sempre que se cumprisen as condicións que facilitasen o seu regreso, e finalmente semella que Trump saíu coa súa, e agora anuncian que Trump volverá a Facebook e Instagram nas vindeiras semanas, aínda que con salvagardas para impedir que repita as accións que desencadearon na suspensión das súas contas.
Dende Meta consideran que o público ten dereito a escoitar o que os políticos digan para poder tomar decisións informadas, de aí que aposten por relaxar as súas normas ante figuras como Trump, confiando en que desta volta realice un uso máis responsable das plataformas sociais ao saberse coñecedor das consecuencias de non respectar as normas establecidas.