Metallica quere que se retiren da web as críticas ao seu novo disco (aínda non rematado)

mércores, 11 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Parecía que o grupo musical Metallica se quería reconciliar coa Internet, e mesmo se está a preparar un Guitar Hero do grupo, polo que sorprende que volvan ás andadas, e agora están a atacar a certos críticos musicais que publicaron en webs e blogs críticas dun adianto do novo disco da banda, pedíndolles que retiren os seus textos da Rede. Algúns medios eliminaron as críticas, pero curiosamente as críticas máis negativas permanecen na web, polo que están a acadar o efecto contrario ao buscado.
Segundo parece, os críticos escoitaron unha versión do álbum sen rematar, pero tamén é certo que en ningún momento asinaron ningún documento de confidencialidade, ou sexa, que deberían ser libres de falar da música que escoitaron.
Publicacións coma The Quietus apartaron a crítica do disco da Internet mentres o consultaban co autor do texto, e finalmente decidiron deixar o artigo na web; e o que parece claro é que con esta actitude Metallica se está a converter nun grupo moi agresivo coa Rede, o que podería prexudicar seriamente a súa imaxe.