Micromanía avanza algúns detalles do seu retorno ao papel

martes, 9 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Durante a fin de semana celebrouse o Salón do Videoxogo de Madrid, onde José Luis Sanz e Marcos García The Elf presentaron oficialmente en sociedade o regreso da revista Micromanía nunha edición impresa que verá a luz nos vindeiros meses.
Esta publicación segue así o camiño marcado por outras publicacións de José Luis Sanz, como son as revistas Hecho con Píxels e MicroHobby, aínda que nesta ocasión o proxecto desenvólvese en colaboración con Amalio Gómez, histórico editor da prensa dos videoxogos, quen tras o peche da que era a revista de videoxogos máis veterana do planeta (39 anos) recoñecía a posibilidade de que a marca se recuperase no futuro.
Polo momento confirman detalles da que será a cuarta época de Micromanía, como que pretenden publicar entre 4 e 6 números ao ano (a periodicidade dependerá moito da súa demanda), que o seu formato será un punto intermedio entre varios tamaños que a publicación tivo no pasado (quedará en 25 x 35 centímetros), terá 64 páxinas en grampa con póster central por ambas caras, e os seus contidos enfocaranse aos videoxogos retro, cunha perspectiva máis ampla que a que ten MicroHobby, pero limitando a súa cobertura do mundo do PC ao que sexa realmente retro (pois non tería sentido abordar videoxogos de ordenador modernos, que xa teñen unha ampla cobertura por parte doutros medios).
Estamos ante un proxecto bastante difícil de definir, por estar aberto a un abano de contidos moi amplo, polo que terá que ir facendo camiño segundo vaia avanzando, polo que polo momento só confirman o estilo gráfico que terá a súa portada (homenaxe á segunda época da revista), e detalles como o prezo e cando se abrirá a reserva para o seu primeiro número anunciarase nas vindeiras semanas.

Vídeo coa presentación da revista Micromanía