Microsoft ficha a Sam Altman e outros traballadores de OpenAI
luns, 20 de novembro do 2023
O pasado venres o
sector tecnolóxico estremecíase ao anunciarse
o despedimento de Sam Altman de OpenAI, chegando a compararse o acontecido
a cando botaron fóra de Apple a Steve Jobs, e segundo foron pasando as horas
foise sabendo que estabamos ante un momento moi semellante a un motín, que non
tiña nada que ver cunha deslealdade por parte Altman, senón simplemente a
discrepancias filosóficas sobre como debe evolucionar a intelixencia
artificial.
A reacción das empresas que sosteñen OpenAI non se fixo esperar, chegando a transcender
que o máximo responsable de Microsoft, Satya Nadella, estaba furioso ante o
acontecido, e conscientes de que sen apoios externos OpenAI non pode sobrevivir,
durante a fin de
semana convocaron a Altman á sede de OpenAI, supostamente para negociar o
seu retorno á compañía, o que podería ser algo traumático, xa que debería traducirse
no abandono dos seus cargos dos directivos amotinados.
Finalmente a película rematou dun xeito tan sorprendente como o seu inicio,
pois Microsoft vén de publicar un comunicado no que anuncian que manteñen a súa
alianza con OpenAI á vez que lanzan unha auténtica noticia bomba: Microsoft
ficha a Sam Altman e Greg Brockman (outro dos responsables de OpenAI que dimitiu
ao saber do despedimento de Altman), xunto con algúns compañeiros de OpenAI,
que formarán un novo equipo de investigación sobre intelixencia artificial
avanzada.
Tamén
é rechamante que tras anunciar que Mira Murati dirixiría OpenAI no seu período
de transición mentres atopaban un novo director xeral, xa confirmen que o cargo será ocupado
por Emmet Shear, quen foi director xeral de Twitch.