Microsoft integra a tecnoloxía de ChatGPT en Bing e Microsoft Edge
martes, 7 de febreiro do 2023
Microsoft
celebrou
hoxe unha presentación para das a coñecer oficialmente a súa integración da
intelixencia artificial no buscador Bing e
no navegador Microsoft Edge, de xeito que a tecnoloxía que puidemos ver nos
últimos meses en ChatGPT pode aplicarse agora a usos prácticos no noso día a
día, deixando claro que a IA pode revolucionar campos que levaban moitos anos
sen aparente innovación.
A idea de Microsoft para tirar proveito da tecnoloxía de ChatGPT consiste en
mesturar as buscas na web, a navegación e as conversas nunha experiencia
unificada que os usuarios poidamos invocar en calquera momento, conseguindo así
unhas buscas mellores (a nova barra lateral de Bing pode amosar respostas ás
nosas preguntas con información específica), respostas completas (o sistema
procurará dar unha resposta en vez de convidarnos a explorar numerosos
resultados de busca), ter unha nova experiencia de conversa (a través da que podemos
ir refinando as buscas), algo de creatividade (a IA xenerativa pode ser toda unha
fonte de inspiración, enriquecendo o texto xerado con ligazóns ás súas fontes)
e, no caso específico do navegador Microsoft Edge, temos que na barra lateral
podemos tanto conversar coa intelixencia artificial como empregar unha función
de composición, que pode axudar ao usuario a crear contido para a súa
publicación en función do tema e incluso o ton que lle indiquemos.
A nova experiencia que podemos ter con Bing fai uso dun modelo de OpenAI de
nova xeración, baseada en ChatGPT e GPT 3.5, que promete máis precisión e
capacidade; tamén fai uso do modelo OpenAI propio da compañía de Redmond
(Microsoft Prometheus) para conseguir uns resultados máis relevantes e
atinados; aseguran aplicar a IA nos algoritmos centrais das buscas (o que
debería traducirse na presentación nos resultados dos contidos en función da
súa precisión e relevancia); e tamén supón un importante cambio na experiencia
do usuario, mudando o xeito de interactuar coa web.
Para todo isto Microsoft fai uso das súa grande infraestrutura na nube (Azure)
e colabora con OpenAI (a empresa detrás de ChatGPT), sendo bastante ousado que
se atrevesen a lanzar este produto xa nunha versión preliminar, xa que un dos grandes
problemas que presentaba ChatGPT é que os seus resultados, pese a parecer ter
sentido, en moitas ocasións incluían información que poderiamos considerar inventada,
polo que podía levar a engano, algo que deberá evitarse nas buscas na web, polo
que as probas con usuarios reais serán cruciais para ver se esta tecnoloxía
queda nunha curiosidade ou cambia o xeito de relacionarnos cos contidos en liña
para sempre.
- A intelixencia artificial pode axudar a compor textos dentro de Microsoft Edge
Momentos máis destacados da presentación de Microsoft