Minsait impulsa dende Galicia unha revolucionaria xeración de servizos públicos máis intelixentes
xoves, 12 de marzo do 2026
A firma tecnolóxica Minsait (Indra Group), consultora con forte presenza en Galicia (ten sedes en Santiago e A Coruña, con máis dun milleiro de empregadas/os) participou este xoves 12 de marzo no encontro Retos/aposta da Transformación Dixital nas AAPP de Galicia: goberno do dato, IA e ciberseguridade, organizado por Socinfo Digital en Santiago (Galicia), para abordar os desafíos e oportunidades que expón a aplicación da IA no ámbito das administracións públicas.
A compañía mostrou como a IA pode converterse “nun verdadeiro habilitador da modernización do sector público, desde un enfoque consciente, seguro e aliñado coas necesidades reais dos cidadáns”. En palabras de José Luis Albo, director de AAPP de Minsait en Galicia, “as administracións galegas están nun momento decisivo para dar un salto cualitativo en dixitalización e habilitar solucións que lles permitan gañar axilidade e eficiencia sen renunciar á seguridade nin á confianza do cidadán”. Engadiu que “Galicia está a demostrar unha enorme madurez dixital e queremos acompañar este progreso con solucións que acheguen eficiencia, seguridade e confianza”.
Tamén lembrou que en Galicia “traballamos moi de preto coas institucións para acompañalas nese proceso de transformación, achegando tecnoloxía, coñecemento do sector público e unha visión a longo prazo que garanta resultados sostibles”.
Durante a súa intervención, Albo puxo o foco en IndraMind, a súa proposta de intelixencia artificial soberana deseñada para integrar capacidades avanzadas de IA de forma transversal nos procesos críticos de organizacións públicas e privadas. No caso das administracións, dixo, “IndraMind permite evolucionar desde modelos tradicionais de dixitalización cara a un uso máis soberano e intelixente do dato, a automatización de procesos complexos e a mellora na toma de decisións, mantendo sempre o control sobre as operacións, a rastrexabilidade e a soberanía tecnolóxica”.
Apuntou tamén que o seu deseño permite integrar diferentes modelos de IA (incluídos modelos xenerativos) de forma segura, gobernada e aliñada cos marcos regulamentarios europeos, asegurando que os datos críticos fiquen baixo control das propias institucións, un enfoque holístico uqe responde á crecente complexidade da xestión pública e á necesidade cada vez maior de garantir servizos dixitais robustos, inclusivos e de confianza para todos”.
A compañía tecnolóxica subliñou que a dixitalización “xa non consiste unicamente en transformar procesos analóxicos en servizos dixitais, senón en garantir que as administracións operen sobre un dato ben gobernado, seguro e baixo control propio”. Manifestou que a IA “amplifica tanto os acertos como os erros, e por iso o goberno do dato e a soberanía tecnolóxica convertéronse en piares esenciais para asegurar que as decisións públicas sexan baseadas en información de confianza e plenamente aliñada co interese xeral; por iso, o importante non é só aplicar IA, senón facelo desde contornas que reforcen a transparencia, a rastrexabilidade e a autonomía das institucións”.
Para Fernanda Cruz, responsable de Desenvolvemento de Negocio de IndraMind, “a clave non está só en aplicar intelixencia artificial, senón en facelo de maneira consciente e útil para o servizo público”. Explicou que IndraMind nace para axudar ás administracións para incorporar a IA no seu día a día, mellorando a eficiencia interna, a calidade do servizo ao cidadán e a capacidade de anticipación, sempre desde un enfoque ético, “Con ese obxectivo, IndraMind converte a complexidade das ameazas modernas en decisións públicas máis rápidas, actuando como o sistema nervioso da seguridade cidadá ao integrar nun único cadro operativo cámaras e vixilancia, sensores, ciberintelixencia, control de accesos, capacidades counter‑UAS, datos satelitais e coordinación operativa en case tempo real”, sinalou Cruz.
Compromiso e presenza de Indra Group en Galicia
Indra Group mantén en Galicia o que nas súas palabras “constitúe un dos seus ecosistemas tecnolóxicos e de talento máis sólidos e estratéxicos de toda España”. Con máis de 1.630 profesionais repartidos polos seus oito centros na nosa xeografía (incluído un Centro de Excelencia en Santiago e polos especializados en Vigo) a compañía actúa a través de Minsait como socio tecnolóxico de referencia da Xunta e das principais institucións e empresas galegas.
A súa presenza combina “capacidades avanzadas en intelixencia artificial, defensa, vixilancia electrónica, sistemas anti-drons, modernización da administración e dixitalización de servizos públicos, en colaboración con universidades, centros tecnolóxicos e máis de 15 centros de FP para impulsar talento altamente cualificado”, informaron fontes do grupo, subliñando que a aposta de Indra Group por Galicia é “estrutural e de longo prazo, cunha folla de ruta que reforza o seu papel como tractor de innovación e soberanía tecnolóxica”.
A compañía habilitou un plan estratéxico para a Galicia que prevé superar os 2.000 profesionais en 2026, despregar investimentos en I+D por 50 millóns de euros e consolidar novos polos de alta tecnoloxía aeroespacial, defensa e microelectrónica (incluída a súa participación en SPARC Foundry ou a súa actividade en sistemas UAV e centros de ensaios en voo).
“Todo iso”, sinalan fontes de Indra, “converte a Galicia nun nodo clave para o crecemento do grupo e nun laboratorio real onde desenvolver solucións punteiras que fortalecen o tecido empresarial, xeran emprego cualificado e elevan a proxección internacional da comunidade”.
