Mundos Digitales despediuse coa súa tradicional entrega de premios

luns, 10 de xullo do 2017 Redacción

A edición número 16 de Mundos Digitales pechou as súas portas o pasado sábado na Coruña con récord de actividades e de asistentes durante os tres días de programación, máis de 20 empresas presentes na Feira de Emprego e interesantes relatorios de expertos de sona internacional.
A última xornada abriu cunha conferencia de Javier García-Lajara, de Future Lighthouse que amosou en primicia material do novo proxecto de realidade virtual para a serie de TVE El Ministerio del Tiempo no que o usuario terá a posibilidade de camiñar e interactuar con obxectos e personaxes da serie. Actualmente, Future Lighthouse atópase finalizando o proceso de captura e adaptación das contornas reais da serie para o seu uso nun motor de 3D en tempo real, onde o espectador poderá con dous escenarios reais da serie.
A programación da tarde continuou con dúas das conferencias máis esperadas polos asistentes. Adrian Corsei, máximo responsable e supervisor de VFX de Trixter, detallou o traballo do potente estudo alemán durante máis dun ano e medio para a segunda entrega de Guardianes de la Galaxia. Trixter completou máis de 330 planos para a versión final da película, cubrindo toda a gama de efectos desde pantalla azul clásica a imaxes complexas xeradas por computador. Inmediatamente despois, Javier Verdugo, xefe do departamento de 3D de Glassworks Barcelona, que elaborou dous contos animados para Un monstro viene a verme, a película de J. A. Bayona, que axudan a explicar episodios da realidade difíciles de contar a través da narrativa tradicional e cun tratamento pictórico e narrativo espectacular.
A xornada pechou coa cerimonia de entrega de premios do Festival Internacional de Animación. O xurado formado por David Míguez Blanco, de Ilion Animation Studios; Julio del Río, de MPC; Antonio Sanjuan, da Universidade da Coruña e o director de animación Alberto Vázquez outorgaron o premio á mellor curtametraxe de animación a Garden Party, da produtora francesa MoPa, que relata as aventuras de dúas ras nunha casa deshabitada. O galardón para a mellor curta nacional e o premio especial foron para Afterwork, dirixida por Luís Usón e producida por Matte Graphics, unha comedia na que o seu protagonista, Groompy, sofre os desgustos da rutina laboral. No acto de clausura entregouse así mesmo o Premio Especial Mundos Dixitais 2017 a Víctor Ceruelo, un profesional que leva máis de 20 anos traballando no sector dixital, desde o lado da distribución de hardware e software para os estudos. Máis aló deste labor, Víctor Ceruelo é unha persoa que se involucra cos proxectos coma se fosen, en parte, seus e que sempre está a buscar oportunidades para crear comunidade, xuntar a persoas e profesionais de distintas empresas para que compartan os seus retos e solucións, e apoiando activamente aos eventos do sector como Mundos Digitales.

PUBLICIDADE