Na Rede, da man do CCG, a primeira publicación de gais e lesbianas de Galicia

martes, 23 de xuño do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega únese ás reivindicacións a prol da diversidade sexual do Día do Orgullo (este 28 de xuño) e faino, en parte (á espera de novas actividades de reivindicación), publicando na Rede O aturuxo, a primeira publicación periódica de gais e lesbianas de Galicia, dende este martes 23 de xuño dispoñíbel en A Saia, a hemeroteca feminista galega que mantén o Centro de Documentación e Igualdade e Feminismos (CEDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG).
O CCG lembra que entre xaneiro e xuño de 1981 saíron á rúa catro números de O aturuxo, unha publicación gai, lésbica e de esquerdas que permite seguir as actividades dos movementos a prol da diversidade sexual en Galicia, no Estado español e no ámbito internacional.
En A Saia pódense consultar xa os catro números deste boletín da Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia, que formaba parte da Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE). Inclúe novas sobre accións e reivindicacións a prol da liberdade sexual nos ámbitos social e organizativo, particularmente as que levan a cabo as organizacións galegas. Recolle denuncias por homofobia e contra a moral sexual heteronormativa. Publica 4 entregas no primeiro semestre de 1981.

PUBLICIDADE