Na Rede unha ferramenta galega de utilidade para facilitar o reenvío múltiple de correos: PERCEBE
luns, 26 de xaneiro do 2026
O desenvolvedor galego Marcos Matas Sobral, administrador de sistemas de Tabigal, vén de compartir con Código Cero a historia dun programa cen por cen “feito na casa” que leva por nome PERCEBE, siglas de Programa de Envío e Redirección de Correos Eliminando Lixo Electrónico, unha útil ferramenta para reenviar correos cuxa xénese atopase no intre en que foi preciso, en Tabigal, reenviar múltiples mensaxes dun cliente cun peso de ficheiros considerable, mensaxes que debían ser trasladadas a destinatarios concretos pero que pola súa cantidade e polo seu nivel de información, “facían que o servidor de correo entrase en parada cardirespiratoria por falta de espazo”, en palabras de Marcos, que lembra que “nin Gmail, nin Outlook, nin os filtros de Roundcube permitían facer algo tan simple como reenviar o texto pero sen os arquivos adxuntos”.
A partir de aí, sinala, “tocaba facer algo ao respecto”, así que arrincou a programación dun novo programa en Python, liberando o código e poñéndoo a disposición de calquera usuario que o precisase. “É moi lixeiro, o servidor corre nunha Raspberry Pi (aínda que tamén pode correr en Windows) e ten unha xestión de erros nivel paranoico por se se vai a luz ou Internet decide tomarse un descanso”, explica Marcos sobre o seu enxeño, cuxo proceso de desenvolvemento e funcionalidades podemos ver apolo miúdo nun completo artigo publicado na Rede.
A orixe e un exemplo paradigmático
Segundo explica Marcos, “a xestión dun número elevado de correos electrónicos ás veces convértese nun quebradizo de cabeza para moitas empresas”. Recoñece que na empresa na q ue traballa tivo ocasión de experimentar un exemplo paradigmático do devandito, cun gran cliente subministrando continuamente a unha única conta mancheas de correos electrónicos. Explica que “o departamento que se encarga destes correos, dada a saturación que supoñería separar cada correo de forma individual, o que estaba a facer ata ese intre era reenviar absolutamente todo ese correo a todos os encargados de tramitalos (que son uns 15)”.
O problema xorde, di, cando tes un correo de 15 MB e debes reenvialo a 15 persoas e ao mesmo tempo dispós dun espazo en disco necesario no servidor para ese único correo de 225 MB. “Se recibimos só 10 correos deste tipo o mesmo día, estariamos a falar de 2.25 GB de espazo en disco ocupado nun día e isto, sostido no tempo, é completamente inviable, agás que esteas disposto a gastar unha cantidade desorbitada de diñeiro en espazo de correo”, explica Marcos, engadindo que “non existía ningunha aplicación no mercado que nos convencera ao 100% para esta función, polo que foi tomada a decisión de acometer a programación e desenvolvemento dunha ferramenta propia”.
O resultado foi un programa dispoñible para Linux e Windows, que se pode usar de maneira sinxela: “No equipo da persoa ou as persoas que necesiten modificar o comportamento de PERCEBE simplemente hai que executar un pequeno programa (un arquivo .exe) que lles dará todas as opcións de configuración do servidor. Desde aí, deben configurar todo o que precisan (contas de correo, reenvíos, etc..) e cando rematen de configurar todo, simplemente terán que apagar o programa e esquecerse del. O servidor quedará facendo todo o traballo. Aínda que apaguen o seu equipo o servidor seguirá reenviando correos”.
Respecto do intervalo de tempo comprendido entre que chega un correo o sistema o reenvía, Marcos sinala que “isto vai depender do número de destinatarios. O sistema non crea un único correo e vomítao tal cal a todos os destinatarios. O que fai é un correo personalizado para cada destinatario e cada un deses correos son enviados nun intervalo de 3 segundos entre un e outro. Faise así para evitar que os correos se cataloguen como lixo.
Ademais a cabeceira e a elaboración de cada correo está moi coidada para que non haxa problemas no envío. Isto implica que o programa só poida enviar un máximo de 20 mensaxes por minuto. Pode parecer pouco, pero aínda que pareza contraintuitivo é o que precisamos. Enviar correos aos poucos en lugar de todos de golpe evita que os provedores de correo (Gmail, Outlook, etc…) bloqueen a túa conta por crer que estás a enviar spam”.
