Na maioría dos fogares españois xa se aposta polo uso do software libre
xoves, 8 de marzo do 2012
- Nivel de satisfacción do software libre segundo o informe de CENATIC
O Observatorio Nacional do Software de Fontes
Abertas dependente de CENATIC, vén de facer públicos os datos extraídos da última enquisa
levada a cabo para coñecer o uso que lle damos ao software libre nos fogares
españois, e a conclusión máis importante á que se chegou é que entre os nosos hábitos
de consumo TIC xa está instalado o de usar o software libre, logo de comprobar
que un 84% de internautas usa este tipo de fontes, cun nivel de satisfacción
moi elevado.
Os resultados do estudo reflicten que no 68%
dos casos, os españois que usan software libre coñeceron esta tecnoloxía en
Internet, dende onde poden descargar as aplicacións de balde e de xeito legal.
Esta
Enquisa sobre o Uso do Software Libre nos
Fogares Españois 2011 permitiu saber, asemade, o nivel de coñecemento,
uso e valoración que teñen as tecnoloxías libres entre a comunidade internauta
española, e establecer así o seu nivel de penetración en todo o Estado.
Neste senso, cabe destacar que a maioría dos
internautas en España utiliza software libre de xeito habitual nos seus
ordenadores, cun nivel de satisfacción próximo ao 80%, se ben só un 20%
restante declara usalo “de xeito inconsciente”.
As razóns que achegan estes usuarios para usar
software libre é o menor prezo ou a gratuidade dos programas, en comparación coas
alternativas privativas que hai no mercado.
Asemade, destacan o feito de que haxa multitude de
programas libre e de balde que satisfagan as súas necesidades como usuarios, así
como a sinxeleza, calidade, funcionalidade e facilidade de uso de case todas as
aplicacións.
Como exemplos de produtos que usan máis a cotío e que
máis os convence, estes usuarios non expertos sinalaron o navegador web Mozilla Firefox,
a solución ofimática OpenOffice,
a
solución de correo electrónico Mozila
Thunderbird, ou o reprodutor VLC Media
Player, entre outros.
Agora,
segundo informan dende CENATIC, os retos que afronta o software libre neste
nicho de mercado son “superar os
problemas que levaron a un 16% de internautas a desinstalar dos seus ordenadores
algúns dos programas de software libre que tiñan instalados”, e que segundo
afirman, foron principalmente “a
dificultade para solucionar problemas e a incompatibilidade con outros
programas”.
Malia
todo, a enquisa indica que mesmo quen decidiu deixar de utilizar software libre
ségueo aprobando cun 6,5 de nota sobre 10.