AMTEGA potenciará o software libre nas empresas, na cidadanía e na administración

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

Os días pasados a AMTEGA compartiu finalmente o seu Plan de Acción en Software Libre 2021, que recolle diferentes actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización deste tipo de programas informáticos non privativos na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e acrecentar o coñecemento que ten a sociedade deste tipo de ferramentas xeralmente colaborativas. Novamente unha parte esencial do programa desenvolverase en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego.
De feito, asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co colexio profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén algunha actuación en prol do fomento desta vertente informática non privativa.
“Os acordos asinados”, sinalou AMTEGA, “permitirán a realización de diferentes tipos de actividades que inclúen dende a tradución de programas; a organización de xornadas, cursos, obradoiros; o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social; a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en software libre nas universidades”.
No eido público, a axencia AMTEGA continuará promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos relevantes para a administración coa idea de “reforzar a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións abertas na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade”. Así mesmo mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.
Na empresa
No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Ademais da actividade que se viña prestando a través do Centro Demostrador TIC, a posta en marcha este ano do GaiásTech permitirá seguir achegando solucións de software libre ás empresas, así como novas tecnoloxías emerxentes, nas que o software libre xoga un papel moi importante.
Software Libre para a cidadanía
Entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, a AMTEGA destaca “que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia”. Ao fío disto, a axencia proseguirá a súa colaboración co CIXUG ao abeiro do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre e que tamén conta coa participación da Asociación GPUL.
Balance do Plan de Software Libre 2020
Xunto co plan 2021 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola AMTEGA e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2020. Segundo fai saber a axencia, “acadouse un nivel de cumprimento do plan establecido moi alto.”
Así pois, a pesar da situación de pandemia, leváronse a cabo ata un total de 41 actividades que supuxeron máis de 25.000 horas de formación en software libre alcanzando ata un total de 19.500 persoas. A través do Centro Demostrador TIC, algo máis de 400 empresas participaron nas diferentes actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 500 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, como a serie especial de ferramentas de software libre para o teletraballo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún, entre os que compre destacar unha serie especial de entrevistas a mulleres que destacan no ámbito das TIC.

PUBLICIDADE