Regresan os Amigus Labs con dúas sesións sobre edición de audio e vídeo con ferramentas libres

martes, 6 de outubro do 2020 S. P.

Volven os Amigus Labs das Pontes os vindeiros 17 e 24 de outubro. Segundo informa a organización, a Asociación Amigus, serán dúas charlas de produción e edición de audio e vídeo con ferramentas libres. Realizaranse por streaming e poderemos seguilas por Jitsi ou por YouTube.
A primeira charla será o 17 de outubro, en horario de 11.00 a 12.30, e comezará cunha introdución á creatividade de podcasting con Audacity. Nesta sesión falarase sobre como está o panorama actual da creación de arquivos radiofónicos online e sobre que necesitamos para iniciarnos neste ámbito, tanto desde unha forma low-cost como dun xeito máis profesional. Falarase tamén sobre aparellos para gravación, software de gravación e edición, plataformas onde aloxar o podcast, etc.
O día 24 de outubro, no mesmo horario, organizarase unha introdución á edición de vídeo con Shotcut. Nesta charla tocaranse temas como os xeitos de iniciarnos na edición de vídeo, consellos para mellorar as gravación, plataformas onde aloxar os nosos vídeos…
As charlas son de balde e, como dixemos, poderanse seguir por Jitsi o Youtube. De inclinarnos pola primeira opción deberemos rexistrarnos no formulario habilitado na web dos Amigus Labs, para recibir antes do inicio da charla a ligazón de acceso á sala. En Jitsi poderemos participar dunha forma máis interactiva na charla, mediante o chat ou micro poderemos realizar preguntas. Se nos inclinamos por Youtube, Amigus publicará nas redes sociais a ligazón para seguir a sesión o mesmo día da charla.
Ademais, este sábado 10 de outubro a asociación das Pontes organizará unha xornada de portas abertas de 10:00 a 14:00 horas. “Se tes un proxecto en mente, que sabes que pode facerse, pero que agora non sabes como, tes a oportunidade de vir e coñecer a tecnoloxía que temos a tua disposición así como compañeiros que te axudarán na aprendizaxe e creación do proxecto”, informan dende Amigus.

PUBLICIDADE