Nace un portal deportivo galego con cabida para o minoritario

mércores, 8 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Ós 100 millóns de sitios que xa existían en Internet, agora debemos engadirlle polo menos un máis, xa que vén de ver a luz o servizo Mañá en Xogo, cualificado polos seus creadores como “o primeiro xornal deportivo en Galicia” e que pretende dar a coñecer a actualidade deportiva galega do que vai acontecer mañá e non do que xa sucedeu, contrariamente ó resto da prensa deportiva do momento. Asemade, este novo medio (dixital e en papel) ofrece un oco para abordar os deportes que non saen nos grandes medios, deportes minoritarios que agora teñen a oportunidade de darse a coñecer por toda Galicia.
Mañá en Xogo convida a tódalas Federacións, Asociacións, Clubs e deportistas galegos en xeral a visitar o seu espazo e deixar opinións, inquietudes ou novas relacionadas co mundo do deporte galego, xa que serán de gran interese para os visitantes que cada día reciba o portal, así como a participar nos foros e acceder mediante ligazóns directos a outros sitios relacionados co deporte. A publicación tamén contará cunha tirada en papel de 3000 exemplares que sairán tódolos venres e aínda que comezan distribuíndose só na provincia de Lugo e nos fogares dos subscritores, axiña sairán para toda Galicia.

PUBLICIDADE