Nintendo podería estar a preparar un Zelda para móbiles

luns, 15 de maio do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses dende Nintendo aseguraban que lanzarían 2-3 xogos para dispositivos móbiles cada ano, e aínda que a proposta de Super Mario Run non cumpriu coas expectativas da compañía, non pasou o mesmo con Fire Emblem Heroes, de xeito que a compañía nipoa mantería a súa estratexia de cara á publicación de xogos para iOS e Android e, segundo The Wall Street Journal, o vindeiro grande proxecto de Nintendo para móbiles (aparte do xogo de Animal Crossing que chegará nos vindeiros meses) correspondería á franquía de The Legend of Zelda.
Polo momento non dan detalles sobre o que sería o xogo móbil de Zelda, especialmente no que se refire ao seu modelo de negocio (que previsiblemente fuxiría da fórmula adoptada por Super Mario Run), aínda que os seareiros da franquía probablemente estean máis preocupados polo sistema de control que adoptaría o xogo en móbiles, xa que a saga precisa dun control relativamente complexo que podería resultar difícil de conseguir nunha pantalla táctil, aínda que lembremos que a franquía tamén contou con entregas para consolas portátiles, que poderían ser as que inspirasen o futuro xogo móbil.
The Wall Street Journal asegura que o xogo móbil de Animal Crossing chegará na segunda metade do ano, de xeito que podemos entender que o xogo de The Legend of Zelda podería ver a luz en 2018. O xornal tamén comenta que The Pokémon Company está a traballar nun xogo móbil de naipes (modalidade de xogo na que a franquía de Pokémon ten moitos anos de historia).

PUBLICIDADE