Nokia perdeu 576 millóns de euros no último trimestre
xoves, 18 de outubro do 2012
- Stephen Elop asegura que o último trimestre foi de transición para a familia Lumia
Nokia
presentou hoxe os seus resultados financeiros do terceiro trimestre do ano (que
podemos descargar
en formato PDF), rexistrando unhas perdas de 576 millóns de euros, o que
podería parecer unha mala nova, pero enténdese como algo positivo pois mellora
os 826 millóns de euros de perdas do trimestre anterior. De feito, de non
considerarse os gastos extraordinarios (provocados en boa medida pola
reestruturación da compañía) os beneficios de Nokia serían de 78 millóns de
euros, polo que o seu rumbo parece atinado.
No que respecta aos móbiles con Windows Phone, as vendas caeron de 4 a 2,9
millóns de unidades vendidas, o que non parece responder a unha mala acollida
global da familia Lumia, senón ao feito de que se anunciou que os actuais
terminais con Windows Phone 7.5 non serían actualizables ao Windows Phone 8 que
sae a finais de mes, polo que os consumidores informados evitan adquirir
terminais cunha esperanza de vida reducida.
No que se refire aos móbiles de Nokia con Symbian, anterior estandarte da
compañía finlandesa, só venderon 6,3 millóns de unidades, o que suporía unha
caída interanual do 63%, deixando claro que esta familia de móbiles está nun
proceso de extinción inevitable tras o acordo entre Nokia e Microsoft para
desenvolver dispositivos con Windows Phone.
Podemos concluír que os resultados de Nokia non só están dentro do agardado
polos analistas, senón que incluso serían lixeiramente mellores, quedando agora
por agardar un rexurdir da compañía no último trimestre do ano e no primeiro
trimestre de 2013 grazas ao lanzamento de móbiles como os Nokia Lumia 920 e
820, que poderían ter unha demanda bastante forte, segundo podemos entender do
feito de que xa se
esgotaran as reservas do primeiro en Italia.