Nova festa dixital para a mocidade galega á vista: FIC OnLAN

xoves, 15 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A información móvese dun lado a outro, e unha boa parte do noso lecer actual ten a súa raizame nas redes. Tendo en conta isto, que ninguén se estrañe se o programa galego de encontros redeiros para a mocidade é obxecto de reforzos. Nesta liña de poñer en xogo un novo escenario dixital-real para o fluxo de coñecemento é onde se insire FIC OnLAN, unha actividade alternativa para mozas e mozos seareiros do eido informático e os vídeo xogos. Segundo nos conta a organización, a primeira convocatoria da nova party galega celébrase os días 14, 15, 16 e 17 de maio na Facultade de Informática da Coruña.
Por certo que está previsto que o encontro, reforzado en breve cunha web que informará sobre os seus detalles máis salientables, dea acubillo a moi diversas actividades de lecer: dende concursos de habilidade e creatividade en diferentes ferramentas do eido dixital até competicións, obradoiros e producións.
Segundo contan os organizadores, entre o máis salientable do programa atópase sen lugar a dúbida o programa de relatorios que se van ofrecer ao longo dos catro días de xuntanza, “nas que está en trámite a solicitude de un crédito de libre configuración”. Por certo que a convocatoria conta para o seu desenvolvemento coa ampla experiencia do grupo DC-Team, colectivo de amigos especializado na mobilización xuvenil de cara ao uso compartido de redes.

PUBLICIDADE