Novacaixagalicia remata a integración tecnolóxica na rede de sucursais de Portugal
martes, 26 de xullo do 2011
O proceso de creación de Novacaixagalicia, fusión de
Caixa Galicia e Caixanova, precisou no plano tecnolóxico de
importantes esforzos en materia de integración. Os traballos, de feito,
foron alén dunha simple renovación da páxina web corporativa, agora única, xa que
houbo que desenvolver e pór en marcha unha plataforma e uns recursos informáticos
xenéricos e específicos comúns, co fin de dar cumprido servizo aos clientes de ámbalas
dúas entidades. A tarefa, que aínda está en marcha, comezou o 1 de decembro.
Arestora, informa Novacaixagalicia, vense de “culminar con éxito” a integración da plataforma tecnolóxica na rede
de sucursais de Portugal.
O proceso rematou o pasado 15 de xullo nun prazo que a
caixa galega cualificou de “tempo récord”.
Falamos de 8 de meses de traballos, dez meses antes do previsto, tarefas nas
que participaron 70 profesionais. Esta integración informática permite á banca
galega “relanzar a súa actividade no
mercado portugués cunha rede comercial de 86 profesionais e sete sucursais”.
Nos 8 meses de traballo en Portugal incorporáronse á nova
plataforma de NCG as sete oficinas que a entidade financeira galega ten no país
irmán e integráronse máis de 28 millóns de rexistros, o que permite, en
palabras da entidade financeira galega, “que
os clientes poidan realizar todo tipo de operacións en calquera sucursal,
unificándose tamén a banca electrónica para particulares e empresas e
lanzándose a web corporativa
única de Novacaixagalicia en Portugal cunha media de 10.000 visitas semanais”.
Polo que atinxe á unificación informática da rede de
sucursais de España, dicir que ten previsto o seu remate para o vindeiro 15 de
agosto. O proceso culminará nove meses antes do previsto, infórmase. Isto
converte á entidade galega na caixa de aforros en proceso de fusión que cumprirá
os devanditos obxectivos no menor tempo.