O 11 de marzo volve Imaxinaria con 38 curtas internacionais a competición

xoves, 5 de marzo do 2026 S. P.

O Festival Internacional de Animación Afundación Imaxinaria regresa en 2026 á Sede Afundación (A Coruña) do 11 ao 15 de marzo cun programa coa maior presenza internacional, e tamén a maior presenza galega, das súas catro edicións.
O público do festival poderá asistir ás estreas en Galicia de tres obras nomeadas a galardóns nacionais e internacionais: trátase das longametraxes Decorado (filme galego gañador do Goya á mellor longa de animación) e Arco (de Ugo Bienveun, nomeada ao Oscar á mellor longametraxe de animación) e da curta La jeune fille qui pleurait des perles (de Chris Lavis e Maciek Szczerbowski, que aspira ao premio á mellor curta da animación nos Oscar).
A Sección Oficial a concurso do festival está composta por 38 curtametraxes internacionais de animación contemporánea organizadas en bloques internacionais e infantís. Todas as películas, que proceden de 18 países, foron producidas en 2025. Máis do 64 % das obras son estreas territoriais, ben en Galicia (13), ben en España. (11).
Na selección figuran tamén dúas curtametraxes galegas: O corpo de Cristo (Bea Lema) e Lucus (David Fidalgo Omil).
A programación foi presentada este mércores 4 de marzo polos seus directores, o cineasta coruñés Alberto Vázquez e a comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Matilde Rodríguez; a coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores, e Manuel Mora, director do Banco de alimentos Rías Altas.
O certame estrutúrase ao longo de cinco xornadas e inclúe sesións de Sección Oficial, actividades interxeracionais con convidados internacionais, e espazos específicos como Na retina, Radar Galicia, Foco singular e o novo Foco indie, que se incorpora este ano como novidade.
O padriño da cuarta edición de Imaxinaria será o cineasta Sylvain Chomet. Trátase, en palabras da organización, “dun dos grandes realizadores das últimas décadas, cun estilo distintivo, que combina unha estética retro detallista con narrativas cargadas de nostalxia e humor visual, acumula catro nomeamentos aos premios Oscar, un BAFTA e un Cesar, ou o gran premio do Festival de Annecy”.
Imaxinaria incorpora este ano a sección Foco indie, orientada a achegar ao público procesos e modelos de creación vinculados á animación independente. A sesión do venres 13 reunirá a Rafillo, Alex Rey, Rapapawn e Giovanna Lopalco, combinando charla e proxección dunha selección de pezas, coa moderación de Tribu Dibu.
O festival reforza en 2026 a súa aposta polo relevo xeracional a través do concurso Talento novo, que nesta edición ábrese a centros educativos de toda Galicia. O obxectivo é “ampliar a participación e darlle visibilidade ao traballo do alumnado que se está formando no ámbito artístico, audiovisual e da animación en diferentes puntos, incorporando novas miradas e acentos ao festival”. O concurso terá o seu momento central no evento de clausura do domingo 15 de marzo, coa proxección das pezas seleccionadas e a entrega de premios.
Dentro de Radar Galicia, o festival programa o mércores 11 a proxección especial de Decorado, de Alberto Vázquez, nomeada aos premios Goya, seguida dun coloquio co director.
A sección Na retina acollerá o sábado 14 unha proxección especial de Kirikú e a bruxa, de Michel Ocelot, cunha proposta de música en directo a cargo de Rosin de Palo, nunha sesión concibida para público familiar.
A programación complétase o domingo 15 cun pase da película nomeada aos Oscar: Arco, de Ugo Bienvenu, tamén orientada ao público familiar.
Sección Oficial
As películas a concurso están organizadas en 5 seccións que se poderán ver entre o mércores e o sábado. Algunhas destas sesións contarán con presentacións a cargo de convidados e profesionais vencellados á programación como David Fidalgo Omil, Álex Rey e Bea Lema. O festival inclúe tamén unha Sección Oficial familiar o sábado 14 pola tarde, dentro do bloque de actividades pensadas para público infantil e interxeracional.
A selección de películas combina diversidade cultural e innovación técnica: predomina a animación 2D CGI (46%), xunto con propostas híbridas, stop motion e técnicas tradicionais. Entre os recoñecementos da competición figuran nomeamentos a premios internacionais e presenza en festivais como Sundance, Locarno ou Rotterdam.
A sección Foco singula reúne o traballo de Réka Bucsi e Nicole Stafford, dúas creadoras internacionais cuxa obra transita entre a experimentación visual, a sensibilidade artística e unha forte identidade propia.
Programa escolar e familiar: actividades para crear públicos
Imaxinaria mantén en 2026 unha programación específica para centros educativos e para familias. O programa escolar desenvolverase nas mañás do xoves 12 e do venres 13, con dúas sesións adaptadas por franxas de idade.
O programa familiar concentra actividades e proxeccións ao longo da fin de semana, incluíndo a Sección Oficial Familiar e un obradoiro infantil o sábado 14 pola tarde.
Realidade aumentada
Como novidade de 2026, o festival incorpora unha proposta de Realidade Aumentada (RA) para ampliar a experiencia do público e reforzar a interacción co universo visual de Imaxinaria, dentro e fóra da sede, sen necesidade de descargar aplicación ningunha, facilitando tamén a creación e compartición de contidos en redes.