O 42% dos traballadores afirman que a xornada laboral nas oficinas desaparecerá en dez anos

martes, 28 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Vivimos os últimos días do vello concepto de traballo en oficina a xornada completa ou partida agora que contamos con maiores e mellores servizos de mobilidade? Calquera diría que non, se temos en conta que podemos contar cos dedos dunha man as persoas do noso arredor que acoden hoxe en día a unha entrevista de traballo e esixen poder traballar dende a casa, o parque ou o bar (e aínda sobrarían dedos, se o pensamos ben). Recoñezámolo: nin a meirande parte dos xefes nin os propios traballadores están hoxe preparados en Galiza para a vida laboral móbil, allea definitivamente á suma destes factores: oficina máis cu sentado as oito horas ou máis de xornada laboral. Mais outra cousa é que falemos de arelas. Se falamos de soños para o futuro, como fixo Lexmark os días pasados nun estudo sobre o traballo que nos agarda, o 42% dos traballadores do estado manifesta que a xornada de nove da mañá a cinco da tarde está condenada a esmorecer nun período de dez anos. Prognóstico cientificamente fundado ou simple soño febril e adolescente?
Que cada un xulgue como mellor lle conveña.
Mais centrémonos no que nos conta Lexmark na súa investigación. Segundo esta firma consultora, case o metade dos españois ten plena confianza en que o traballo a distancia (teletraballo) será perfectamente factible en canto sexamos quen de entender ó cen por cen as posibilidades das novas tecnoloxías da información, que fican aínda nunha boa parte por saír á superficie. Segundo o informe, a transición ós ditos novos conceptos de traballo xa comeza a ser unha realidade, “xa que os cidadáns españois traballan hoxe unha media dunha hora e 31 minutos dende a súa casa nun día laboral como calquera outro”. Estes datos, que non semellan moi aplicables ó caso galego –onde o teletraballo aínda está en cueiros- senón máis ben ás grandes cidades que concentran as meirandes cantidades de empresas do sector servizos, complétanse coa seguinte información moi digna de ser tida en conta, sobre todo polos xefes en xeral: o 28% dos traballadores di que o seu traballo é máis produtivo cando o levan a cabo dende casa. Sexa como sexa e chegados a este punto, cómpre facérmonos unha pregunta: pódese aplicar a fórmula do traballo a distancia a tódalas ocupacións? Que pasaría se traballamos na construción e decidimos facer un bonito encofrado dende o noso apartamento para un edificio que se está a erguer no outro extremo da cidade? Ironías aparte, semella que se pode cualificar de “certa” a aseveración de que os tempos están a cambiar en materia laboral, mais tamén é probable que non se cumpran punto por punto as arelas dese 42% da poboación española que asegura poder estar en disposición de despedirse das oficinas nun prazo de dez anos.
No informe de Lexmark tamén se fai fincapé en este réxime laboral virá acompañado por un perfil “supercualificado” do empregado. Así, segundo as persoas enquisadas no dito estudo, en 2016 os currantes terán amplos coñecementos de novas tecnoloxías (55%), de xestión do tempo (49%), capacidades creativas (45%), capacidade para facer presentacións (37%), calidades de xestión financeira (35%) e habilidades para dirixir ás persoas (35%).