O CCG fai balance da súa intensa actividade dixital en 2025 e anuncia novos proxectos para o 2026

venres, 9 de xaneiro do 2026 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán deste xoves unha sesión plenaria na que se detallou a programación prevista para 2026. Os medios de comunicación en galego, unha liña estratéxica sobre a paisaxe xunto co fortalecemento institucional, a asesoría e a acción exterior, son liñas prioritarias da institución para este ano.
Na sesión tamén se presentou o balance de 2025, no que se desenvolveron 106 actividades presenciais; houbo 27 itinerancias de 13 exposicións, tres delas de nova creación; realizáronse 37 informes de asesoría e puxéronse en rede especiais, fondos documentais e materiais de diferente formato.
Ao plenario asistiu o presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, avanzou a programación da institución para este ano. Unha das actividades máis destacadas terá lugar en febreiro, cando se entregue a máxima distinción que concede a institución, as Medallas do Consello da Cultura Galega, a Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros.
En 2026 celebrarase o 150 aniversario da aparición do xornal O Tío Marcos d´a Portela que abrirá unha liña de traballo que prestará atención aos medios de comunicación en galego, entre eles, a homenaxe a Valentín Lamas Carvajal ou a celebración do 40 aniversario da televisión pública galega, entre outros.
Destaca tamén unha liña de acción estratéxica sobre a paisaxe, que está vencellada coa figura e co legado de Ramón Otero Pedrayo, en pleno Ano Pedrayo que conmemora o seu 50 cabodano.
Amais, na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas (que terá lugar en Vigo), e do programa didáctico musical No bico un cantar (que este ano realizarase en Vilalba).
Outra das liñas prioritarias do ano será a atención as transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior, así como os modelos de transmisión memorial.
Hai tamén, outras figuras ás que o CCG prestará atención, como son Ramón Cabanillas (polo 150 aniversario do seu nacemento), Aída Fernández Ríos (bióloga homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia), e José Surárez (fotógrafo elixido para o Día das Artes Galegas). Ademais, neste 2026 terá lugar o proceso de renovación parcial do plenario da institución, en cumprimento da lexislación que rexe a institución.
Balance de 2025
En 2025 desenvolvéronse 106 actividades, un 9% máis que en 2024 e o 36% tiveron lugar fóra da sede institucional. Neste ano prestouse atención ao patrimonio inmaterial (danzas brancas, a rega tradicional, os oficios do mar, o baile tradicional...).
Púxose en marcha o proxecto tecnolóxico Lugares de memoria, un catálogo virtual de 75 entradas que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea.
No balance o CCG explica que a actividade caracterizouse pola variedade nos formatos (xornadas, propostas escénicas, concertos e mesas de debate, audiovisuais entre outras tipoloxías) e que a axenda deixou iniciativas pioneiras como Diplomacia e cultura, que xuntou por primeira vez na institución o corpo consultar acreditado en Galicia.
No apartado expositivo desenvolvéronse 13 exposicións, tres delas de nova creación (Sob o signo de Camões, Pegadas para un tempo novo e A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral), que contaron con 27 itinerancias.
En materia de asesoría, realizáronse 13 informes de impacto ambiental, 8 informes para a tramitación de bens de interese cultural (BIC) e outros 8 máis de diversas temáticas, entre os que destaca o informe propositivo Un país coa súa lingua. Foro Participativo, que contén 96 propostas para recuperar o vigor do galego.
Ademais, o Observatorio da Cultura Galega realizou oito informes, nos que destacan o Barómero da cultura, a Conxuntura estatística de 2025, a primeira análise da situación do gasto en cultura na Administración Local e un estudo sobre a situación dos museos e outros centros museísticos do país.
En acción exterior desenvolvéronse actividades de diferente formato en Brasil (Belo Horizonte), Portugal (Lisboa, Braga, Porto, Guimarães e Ponte de Lima), Irlanda (Dublín), Estados Unidos (Iowa), Alemaña (Flensburg e Essen), Cuba (A Habana) e en diversos lugares de España.
Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos dixitais, como a presentación da plataforma Ágora que adapta para podcast conferencias destacadas da institución ou A carón de nós, serie web documental para coñecer a vida e a obra de Castelao; ou tamén a presentación dunha nova ferramenta para achegarse aos documentos e publicacións dixitais da institución que se puxo en marcha con Papés d’emprenta condenada.