O CESGA e a galega Balidea levan máis escolas rurais á nube

martes, 26 de xuño do 2012 Raquel Noya

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa galega Balidea Consulting&Programming, veñen de asinar un acordo de colaboración co que poñer en marcha un “ambicioso proxecto de innovación educativa baseado na tecnoloxía cloud”, que lle permitirá ás escolas do rural galego compartir contidos e experiencias que melloren o seu proceso de ensino-aprendizaxe.
O convenio dálle forma a unha rede de infraestruturas, servizos e metodoloxía e traballo que leva por nome Rede de Escolas na nube, e que permitirá, entre outras cousas, compartir materiais didácticos propios na Rede para que outros centros os aproveiten.
Este proxecto parte dunha experiencia piloto desenvolvida polo CESGA en colaboración coa Xunta hai dous anos, que xa fora seleccionada por HP Labs como un dos tres máis relevantes no ámbito da computación cloud e a educación a nivel mundial, e premiada polo certame internacional Educared 2011 como un dos 6 proxectos máis innovadores en educación infantil.
Agora, a intención do departamento de I+D+i de Balidea, da man do CESGA, é “dar un paso máis”, levando o proxecto a un número moito maior de nenas e nenos, docentes e escolas, e abríndolle así as posibilidades da computación na nube, coas vantaxes que isto supón.

PUBLICIDADE