O CIFP As Mercedes presenta unha unidade móbil de drons para Protección Civil

venres, 27 de marzo do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia presentou en Lugo unha unidade móbil de drons destinada a apoiar intervencións de Protección Civil en situacións de emerxencia, un proxecto pioneiro desenvolvido polo Centro Integrado de FP As Mercedes en colaboración co Concello. A iniciativa integra innovación tecnolóxica, formación práctica e servizo público, consolidando o papel da Formación Profesional como ponte directa entre o ensino e as necesidades reais da sociedade.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron na presentación deste dispositivo, que exemplifica, segundo destacou Pérez, «a transferencia de coñecemento» dos centros educativos «á vida real», así como «a importancia da colaboración interinstitucional» para xerar «iniciativas palpables». Neste sentido, subliñou tamén o reforzo dos vínculos do centro coa súa contorna socioeconómica.
O proxecto materialízase nunha furgoneta acondicionada como centro operativo móbil, deseñada e desenvolvida no marco das iniciativas formativas e de innovación do CIFP As Mercedes. A súa posta en marcha contou coa implicación directa do profesorado, encargado da coordinación técnica, e do alumnado de distintas familias profesionais, que participou en todas as fases do proceso, adquirindo experiencia práctica en contornos reais.
Entre as especialidades implicadas destacan os ciclos de Aeromecánica, responsables da montaxe, mantemento e verificación dos sistemas aéreos non tripulados; Eficiencia enerxética, centrada nos sistemas de alimentación; e Emerxencias e Protección Civil, que definiu os protocolos de actuación e a análise de escenarios.
A unidade está preparada para funcionar como centro operativo en intervencións complexas, incluíndo incendios forestais, busca de persoas desaparecidas, avaliación de riscos ou control de eventos, ampliando así as capacidades de resposta dos servizos de emerxencia mediante o uso de tecnoloxías avanzadas.