O CIM (UVigo) participa nun proxecto europeo que impulsará a dixitalización da acuicultura atlántica

venres, 6 de febreiro do 2026 S. P.

José Luis Soengas e Carlota Freiría, investigadores do grupo PhystoFish do CIM-UVigo

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo traballa nun proxecto que aposta firme pola dixitalización como instrumento para a innovación da industria acuícola atlántica. Esta é a esencia de DigiATLA, un proxecto europeo que esta semana celebrou en Portugal a súa xuntanza inaugural.
Building Digital Capacity for Innovation in Atlantic Aquaculture está financiado polo programa Interreg Atlantic Area 2021–2027 e conta cun orzamento total de 2,1 millóns de euros, co-financiado ao 75 % pola Unión Europea.
Nun plano máis concreto, “o seu obxectivo é impulsar a transformación dixital da acuicultura atlántica mediante o fortalecemento de capacidades en acuicultura respectuosa co medio natural, nutrición de precisión e adopción de tecnoloxías da Industria 4.0”.
DigiATLA abordará retos do sector como a baixa integración dixital, as ineficiencias produtivas e o impacto ambiental, factores que limitan a competitividade e resiliencia da acuicultura.
O proxecto está liderado por S2AQUA – Laboratório Colaborativo para uma Aquacultura Sustentável e Inteligente (Portugal) e terá unha duración de 30 meses (dende xaneiro de 2026 ata xuño de 2028).
A reunión de lanzamento celebrouse este martes e mércores en Olhão (Portugal) e nela os socios definen as liñas de traballo e coordinan as primeiras accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros anos.
O CIM participa no proxecto a través do grupo PhystoFish, cun orzamento de trescentos mil euros, liderado polo coordinador do grupo, o catedrático José Luis Soengas, cun papel destacado no desenvolvemento de materiais formativos, sesións prácticas e ensaios piloto. En concreto, o centro contribuirá á creación de contidos de formación centrados na análise de datos, o uso de ferramentas dixitais e as técnicas de acuicultura de precisión.
No marco dos ensaios piloto do proxecto, o grupo PhystoFish do CIM participará en estudos con dourada (Sparus aurata) e salmón atlántico (Salmo salar), analizando a expresión xénica relacionada coa regulación da inxesta de alimento. Estes traballos permitirán avaliar as respostas biolóxicas dos peixes fronte a diferentes estratexias de alimentación e condicións ambientais, xerando datos para optimizar as prácticas acuícolas e avanzar cara a unha produción máis eficiente e sostible. Ademais, o CIM organizará sesións anuais de formación e xornadas de traballo e colaborará activamente nas accións de divulgación e sensibilización do proxecto, difundindo os resultados científicos e promovendo a transformación dixital no sector acuícola.
Como detalla José Luis Soengas, “o proxecto DigiATLA impulsa a modernización da acuicultura atlántica mediante a aposta pola innovación dixital e pola sostibilidade”. Trátase, engade, de “apoiar o sector na incorporación de tecnoloxías da Industria 4.0, mellorando a eficiencia dos procesos produtivos e contribuíndo á redución do impacto ambiental. A través de accións formativas, demostracións piloto e o intercambio de coñecemento entre diferentes rexións, DigiATLA fortalecerá as capacidades dos profesionais da acuicultura e promoverá un sector máis competitivo, resiliente e preparado para afrontar os desafíos actuais e futuros”.