O CIP reunirá 19 series na súa sección oficial e acollerá a preestrea de Milennial Mal
mércores, 1 de abril do 2026
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay (CIP) continúa avanzando a programación da súa 13ª edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo, coa presentación da súa Sección Oficial de series e co anuncio da preestrea en Galicia de Millennial Mal.
A competición deste ano estará integrada por 19 títulos, dos cales 17 son propostas internacionais procedentes de 10 países, unha escolma que reforza, en palabras da organización do CIP, “o carácter global do certame e a súa aposta por novos formatos, narrativas e olladas dentro da creación de web series contemporánea”.
Xunto á Sección Oficial, o festival acollerá tamén a proxección dos dous primeiros capítulos de Millennial Mal, a nova serie creada por Lorena Iglesias e dirixida por Andrea Jaurrieta, que vén de presentarse con grande acollida no Festival de Málaga. A sesión no Carballo Interplay será a súa preestrea en Galicia e celebrarase o venres 17 de abril ás 20.00 horas no Mercado de Carballo, coa presenza da propia Lorena Iglesias. A serie estrearase en Filmin no verán de 2026.
A Sección Oficial do Carballo Interplay volverá ser un dos eixos centrais da programación do festival, cunha escolma de 19 series que amosa a vitalidade do formato en distintos territorios e contextos creativos. Canadá, Francia, Estados Unidos, Australia, República Checa, Eslovenia, Dinamarca, Romanía, Suíza e Irán figuran entre os países representados nunha competición que se completa con dúas propostas do Estado.
As proxeccións dividiranse en tres bloques no Mercado de Carballo. O primeiro deles celebrarase o xoves 16 de abril ás 20.00 horas e incluirá A Diwali Dilemma (Reino Unido), Greystanes (Australia), Lady Ada’s Secret Society. S2 (Canadá), Sam (República Checa), Taste of Arrival. The Journey of Hani Abbas (Suíza), Funny Snails (Francia) e El’sardines (Francia).
O segundo bloque será o venres 17 ás 17.30 horas, con T-Rex (Dinamarca), Alucinema (España), Eyes in the Woods (Estados Unidos), Dream Catchers (Canadá), Respire Fort (Francia) e Delirio Sketches (España).
O terceiro desenvolverase o sábado 18 ás 17.00 horas, con Buried (Irán), 88 (Romanía), No Big Deal (Eslovenia), Ruby (Canadá), Rock Bottom (Estados Unidos) e The Struggle for Existence S2 (Canadá).
A outra gran cita arredor das series nesta edición será a preestrea en Galicia de Millennial Mal, unha comedia protagonizada por Judith, unha bibliotecaria no paro de 42 anos que, por un erro burocrático, se ve obrigada a volver á universidade para cobrar unha bolsa. Na tentativa de ocultar a súa idade e encaixar nun contorno moito máis novo ca ela, sométese a unha transformación que acabará por desbordala.
A serie está creada por Lorena Iglesias, que tamén a protagoniza, e dirixida por Andrea Jaurrieta. O seu paso polo Festival de Málaga situouna entre as novidades recentes da ficción seriada estatal, antes da súa chegada á plataforma Filmin este verán.
“O pase previsto no Carballo Interplay permitirá ver en exclusiva en Galicia os dous primeiros episodios e coñecer de primeira man o proxecto a través da presentación da súa creadora”, explican dende o CIP.
Como lembraremos, o Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.
