O COETG-AETG convoca os seus premios á investigación e ás TIC solidarias

venres, 13 de abril do 2018 Redacción

JPEG - 396.2 KB
Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) veñen de convocar unha nova edición dos seus galardóns encamiñados a distinguir, visualizar e reivindicar o espírito innovador, creativo, dixitalizador e socialmente responsábel das/os nosas/os investigadoras/es, profesionais e empresas. Estamos a falar dos Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información 2018, que collen pulo con dous galardóns concretos: o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2018 e máis o Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. Os recoñecementos entregaranse no transcurso da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, prevista para o 1 de xuño. O prazo de presentación de memorias para todos os premios remata o vindeiro 2 de maio ás 10:00 horas.
Polo que respecta ao Premio Gradiant, vén da man do COETG-AETG en colaboración coa Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Ten unha dotación con 1.500 euros e o seu obxectivo é “fomentar a realización de teses de doutoramento con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC”.
Polo que atinxe á edición 2018 do Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2018, foi convocado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dun premio de carácter honorífico e está destinado a “recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que contribúan e aporten beneficios á sociedade”.

PUBLICIDADE