O CPEIG homenaxea este martes a Ángela Ruiz Robles, a inventora da Enciclopedia Mecánica

luns, 2 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Con motivo da celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, o Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática de Galicia (CPEIG) vai dar un novo e importante paso na súa continua reivindicación das contribucións femininas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías tal e como as coñecementos hoxe en día. Estamos a falar do recoñecemento do colexio á inventora da Enciclopedia Mecánica e precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles, que se celebra este martes 3 de febreiro no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago.
Os actos comezarán sobre as 11.00 horas e contarán coa presenza de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Julia González directora da ETSE Universidade de Santiago (USC), David Losada, subdirector da ETSE, e María Luisa, María del Carmen e María Elvira Souto Grandal, netas da profesora, inventora e enxeñeira dona Angelita.
A homenaxeada
A profesora e inventora Ángela Ruiz foi a responsábel directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) mostrou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949.
Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.

PUBLICIDADE