O CPEIG recoñece co Premio Iniciativa Empresarial á viguesa Sparc Foundry, pioneira en semicondutores

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

Edificio Sparc Foundry, en Vigo

Amosar á sociedade o traballo das enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co eido das TIC é o obxectivo dos premios da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, concedidos polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A gala desta edición terá lugar o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago, data na que Francisco Díaz-Otero, CEO da empresa viguesa Sparc Foundry, recollerá o Premio Iniciativa Empresarial.
Desde a compañía sinalan que Sparc Foundry avanza en Vigo na creación da primeira foundry comercial de fotónica integrada baseada en semicondutores III-V (chips fotónicos) en España. O xerme da compañía xurdiu hai máis de cinco anos na contorna universitaria da cidade, impulsado por un equipo de investigadores con ampla experiencia en fotónica integrada e na industria tecnolóxica, ao que xa se sumaron máis de vinte profesionais. As obras de construción da súa planta, no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, iniciáronse o pasado mes de xaneiro, e está previsto que estea operativa cara finais de 2027.

Construción edificio Sparc Foundry

Segundo Sparc, a empresa quere reforzar a soberanía tecnolóxica europea e achegar nova capacidade industrial ao continente nun sector estratéxico. Nun contexto no que os semicondutores veñen de consolidarse como unha infraestrutura crítica para a economía dixital, a compañía aspira a cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos e de alta frecuencia, clave para as telecomunicacións, a automoción, a intelixencia artificial ou o sector aeroespacial.
Alén do seu impacto europeo, Sparc Foundry exercerá un forte efecto tractor no tecido industrial galego, xa que non só promoverá a creación de emprego cualificado e atraerá talento especializado, senón que tamén fomentará o desenvolvemento dun ecosistema industrial e tecnolóxico en Galicia. “Sparc Foundry xa está xerando interese no mercado internacional, máis alá das fronteiras europeas, e sitúase como un dos nodos industriais emerxentes en Europa, contribuíndo a construír unha cadea de valor completa en torno á fotónica”, apuntan desde as súas oficinas na cidade olívica.
Apunta Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “SPARC Foundry é hoxe un símbolo de innovación, colaboración e ambición industrial, un proxecto que demostra que desde Galicia é posible liderar desenvolvementos tecnolóxicos de alcance global”.
O CPEIG conclúe que Sparc Foundry é un proxecto que encarna de xeito exemplar a capacidade de Galicia para situarse na vangarda tecnolóxica europea.