O CSIC colabora desde Galicia na XIV convocatoria do certame de relatos e vídeos Inspiraciencia

venres, 12 de decembro do 2025 S. P.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) convoca, a través da súa Delegación en Cataluña, a XIV edición de Inspiraciencia, certame que conta co apoio da Delegación do CSIC en Galicia, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC).
O certame de relatos de inspiración científica mantén aberto desde o 10 de decembro ata o 10 de marzo de 2026 o prazo de presentación de propostas cunha extensión máxima de 800 palabras e vídeos breves de danza en castelán, catalán, galego e éuscaro, e en dúas modalidades: adulto (a partir de 18 anos) e novo (de 12 a 17 anos).
Como novidade desta edición, incorpórase un Premio Especial de Danza, cuxo obxectivo é “establecer unha nova liña de diálogo entre a ciencia e as artes escénicas”. Realízase en colaboración co Departamento de Historia da Arte e Patrimonio e o Laboratorio Coreolóxico (CoreoLab) do Instituto de Historia do CSIC (IH-CSIC).
Ademais, os traballos gañadores recibirán por primeira vez premios monetarios e vales culturais de ata 500 euros.
Seguiranse outorgando o Premio do Público, decidido mediante votación na web do certame, e o Premio de Ciencias e de Letras, dirixido ao profesorado que fomente a participación do alumnado.
O galardón inaugura o formato vídeo en Inspiraciencia con dous subcategorías: coreografía escénica, para pezas coreográficas que integren procesos de investigación de calquera área científica, e screendance, para obras audiovisuais que reflictan un proceso de investigación de calquera área científica a través da linguaxe da danza e combinando todo tipo de recurso audiovisual na súa edición.
En cada subcategoría, outorgarase un premio de 250 euros na modalidade adulto e un vale cultural polo mesmo valor na modalidade nova.
Por cada un dos idiomas do certame, concederase un premio de 500 euros na modalidade adulto, mentres que na modalidade nova entregarase un vale cultural por valor de 250 euros tanto ao autor ou autora do relato como ao seu centro educativo.
Inspiraciencia está coordinado pola Delegación do CSIC en Cataluña con apoio da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC. Conta, así mesmo, coa colaboración de delegacións e institutos do CSIC en Cataluña, Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias, País Vasco, Estremadura, Galicia, Madrid, Valencia, Navarra, Aragón, Castela e León, Cantabria, A Rioxa, Castela-A Mancha e Murcia.
O seu desenvolvemento é tamén posible grazas a un equipo de moderación formado por unha vintena de persoas vinculadas ao CSIC e un xurado, ademais do equipo técnico e organizador.