A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense está a acoller unha actividade formativa de natureza práctica para introducirnos de cheo no mundo da programación. Trátase dunha achega inserida na programación de obradoiros deste cuadrimestre e concibida para ser de utilidade a alumnado das diferentes titulacións e, tamén, a cidadáns en xeral interesados en ter os coñecementos precisos para ir dando forma, coas súas propias mans e co seu maxín, aos seus primeiros programas. De feito, para participarmos no taller non son necesarios coñecementos previos de programación. A día de hoxe 20 estudantes participan cada semana nesta formación.
Detrás deste taller, impartíndoo, atópase Baltasar García, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. Segundo apunta referíndose á importancia actual dos contidos que se fornecen, “a programación e os coñecementos sobre cousas como a análise avanzada de datos, a análise estatística ou a resolución de programas, teñen cada vez máis protagonismo na formación das persoas e son cada vez máis demandadas polos empregadores”. Estas competencias, engade, son requiridas non só a estudantes e egresados no eido da informática senón cada vez máis a todo tipo de profesionais, como pode ser un economista ou un educador.
Desta maneira, durante as 30 horas de formación do Obradoiro de introdución á programación as persoas inscritas aprenden programación básica, abordando conceptos como o secuenciado, a repetición e a decisión. A actividade aposta por empregar para a formación a linguaxe de programación Python, unha linguaxe de programación que salienta pola súa sinxeleza e por ser doada de manexar sen ter grandes coñecementos sobre arquitectura ou memoria.
O curso arrancou o pasado 8 de marzo e prolongarase ata o 7 de abril, impartíndose cada tarde dos mércores e venres nun dos laboratorios da Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá. “O alumnado avanza a moi bo ritmo e estamos moi satisfeitos coa resposta que ten esta primeira edición”, sinala o responsable da formación. O reto para vindeiras edicións, apunta, sería conseguir fomentar a participación de alumnado das diferentes titulacións que se imparten no Campus. “Nesta primeira edición arredor do 90% do alumnado é de Enxeñaría Informática e queremos chegar tamén ao alumnado dos outros centros. É importante que sexan conscientes da importancia que pode ter para o seu futuro profesional que teñan coñecementos básicos de programación, útil para cuestións tan habituais como manexar bases de datos”, explica.
O Campus de Ourense introduce a alumnos e cidadáns nos segredos da programación
Compartir Este Artigo
