O Carballiño celebra con 400 escolares o remate da nova edición de 21 días co galego e +

xoves, 26 de febreiro do 2026 S. P.

O Carballiño acolleu hoxe o acto de clausura da nova edición do programa de inmersión lingüística 21 días co galego e +, impulsando dende a Secretaría Xeral da Lingua tomando como modelo a iniciativa 21 días co galego da profesora Pilar Ponte do IES da Pobra do Caramiñal. No acto deste xoves implicouse directamente o secretario xeral de Lingua, Valentín García.
O obxectivo do proxecto, cuxo caderno en liña funciona como principal foco de información e de actividade, é mergullar aos escolares no uso do galego baixo o reto-desafío de facelo durante 21 días.
Na cita tamén participaron de xeito activo os/as 400 nenos e nenas que representaron os 10 centros educativos de toda Galicia que participaron na oitava edición desta iniciativa impulsada pola Xunta.
García agradeceu “a implicación coa lingua das comunidades escolares que este ano se animaron a formar parte de maneira voluntaria desta proposta”, e destacou “a importancia deste tipo de accións nas que se involucra tanto o alumnado como o profesorado e todo o persoal dos centros, dándolle valor e prestixio ao galego a través de actividades que van máis alá das horas lectivas nas aulas”.
Ademais, Valentín García apuntou que “este encontro final supón unha oportunidade de confraternización e intercambio de opinións sobre as actuacións que fixeron en cada un dos colexios, cunha xuntanza lúdica e didáctica para compartir experiencias e seguir enriquecendo a nosa lingua”.
A iniciativa, lembrou, “enmárcase na liña de accións coas que o Goberno autonómico pon o foco na cativada e na xuventude, para impulsar nestas idades o uso e a presenza da lingua”. Neste senso, lévanse a cabo outras propostas como Falamos + ou Nós tamén creamos!, que tamén teñen como escenario os centros de ensino e o obxectivo de incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas.
O proxecto 21 días co Galego e + naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.
Dez participantes nesta oitava edición
Neste curso 2025/26 no programa reuniu un total de 3.700 persoas coa participación do colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; do centro dos Tilos, en Teo, e aínda na provincia coruñesa, do Anxo da Garda, na cidade herculina. Tamén do colexio A Ponte e do Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. A estes engadíronselle en Pontevedra o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participaron o colexio A Ponte e o Irmáns Villar.