O Castlevania de Game Boy adáptase á Wii

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

No outono de 1986 nacía nas recreativas de Konami a franquía de videoxogos Castlevania, que 3 anos despois saltou á Game Boy co xogo Castlevania: The Adventure (tamén coñecido coma Dracula Densetsu), que conservaba a mecánica da recreativa, e metíanos na pel de Christopher Belmont na súa loita contra Drácula nunha das súas habituais resurreccións. Este xogo de plataformas converteuse en todo un clásico que incluso contou cunha secuela que pecha o arco argumental (Castlevania II: Blemont’s Revenge), polo que agora non debería sorprender que anuncien o seu remake, comercializado a través de WiiWare, e que responden ao nome de Castlevania: The Adventure ReBirth.
O novo xogo presenta unha aparencia renovada, con gráficos a toda cor, e venderase a partires do martes que vén no Xapón por 1.000 puntos Wii. A data de lanzamento europea aínda non se coñece, o que leva aos usuarios da Wii que queiran rememorar este título polo que xa pasaron dúas décadas a ter que ser pacientes para poder comprobar de primeira man se o tempo tratou ben a este tipo de xogos.
Cómpre lembrar que a saga de Castlevania segue moi viva na actualidade e, de feito, a compañía española MercurySteam está a desenvolver actualmente a súa nova entrega, Castlevania: Lords of Shadows, que sairá para PlayStation 3 e Xbox 360.


Así era o Castlevania: The Adventure para Game Boy

PUBLICIDADE