O Cemiterio de Lugo imponse na Rede como o que mellores actividades acubilla

venres, 6 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A concelleira Rosana Rielo nunha rolda de prensa recente

Finalmente, o Cemiterio de San Froilán de Lugo logrou impoñerse no certame dixital do que falamos hai uns días en Código Cero, dirixido (cos votos dos internautas a través das páxinas revistaadios.es e lugo.gal) a elixir o “camposanto de mellor actividade de portas abertas”. Foi a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen deu a coñecer este mércores a nova, un recoñecemento que chega por segunda vez (logo de 2015) e que contribuirá, nas súas palabras, “a aumentar o atractivo turístico do municipio”. Rielo expresou a satisfacción polas actividades que se organizan no camposanto e agradeceu “o traballo realizado polos técnicos municipais, que contribúen a que isto sexa unha realidade".
Este certame organizado pola revista Adiós Cultural, financiada e editada por Funespaña, ten como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa divulgación.
Unha vez que o camposanto de Lugo foi seleccionado como finalista da primeira fase do Concurso de Cemiterios de España, na modalidade de mellor actividade de portas abertas, a principios de xullo abriuse a segunda fase, unha votación popular na que os internautas elixiron como gañador ao lucense, e fixérono por máis dun cento de votos con respecto ao segundo máis votado, o cemiterio de Monturque en Córdoba. Tomaron parte unha decena de candidaturas de toda España, dende Avilés, Torrelavega, Zaragoza, Barcelona ou Granada.
Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán obtén o primeiro premio neste concurso, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España.

PUBLICIDADE