O Centro Xove da Almáciga de Santiago acolle un Demoday de cooperativas e mercadotecnia dixital

venres, 7 de xuño do 2024 S. P.

As gañadoras da cooperativa Moira con Eva Curto da Fundación EOI

O Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga de Santiago acolle o vindero xoves o acto de presentación de proxectos participantes na formación Márketing Dixital e Cooperativismo. O programa formativo, impulsado pola Fundación Paideia coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica de Compostela, desenvolveuse entre febreiro e xuño coa participación de mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.
O Demoday servirá de marco para a entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector da mercadotecnia en liña. A través deste certame, organizado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza, outorgarase un premio de ata 60.000 euros para financiar a posta en marcha e o primeiro ano de actividade do proxecto gañador. Á convocatoria podían optar os equipos formados polo alumnado da formación en Márketing Dixital e Cooperativismo.
O evento de presentación de proxectos do vindeiro 13 de xuño, contará coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; así como de Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña ; Eva Curto Izquierdo, en representación da Fundación EOI; Natalia Ponte, Socia da cooperativa Moira, premiada na edición anterior; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
O acto estará presentado pola xornalista Alba Mancebo e contará coa actuación de Abril, un dúo formado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín y voz), un proxecto musical participante na aceleradora Sonemerxente da Xunta de Galicia e a Fundación Paideia, no que se mesturan músicas de raíz galega e ibérica con outros xéneros, o que aporta ás melodías tradicionais un aire fresco, adaptándoas a sonoridades actuais.
O evento celebrarase aberto ao público e para asistir é necesaria a inscrición previa a través do formulario na páxina web da Fundación Paideia Galiza.
Fomentando o cooperativismo como modelo de emprendemento
A Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo), a Fundación Paideia Galiza e a Asociación Deloa, levan desenvolvendo nos últimos anos accións dirixidas ao fomento do cooperativismo como modelo de emprendemento solvente. Tras as edicións de 2022 e 2023, nas que resultaron premiadas as cooperativas Kracia e Moira, realizouse unha terceira edición do programa Marketing Dixital e Cooperativismo na Coruña e Santiago de Compostela, co financiamento do Fondo Social Europeo.
O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento como o da mercadotecnia en liña.
A esta iniciativa súmase o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que colabora coa Fundación Paideia Galiza na dotación do premio de 60.000 € ao mellor proxecto cooperativista.

PUBLICIDADE