O Clúster Alimentario abordará a transformación tecnolóxica do sector nun Xantar Networking en Santiago

martes, 24 de febreiro do 2026 S. P.

Achegar unha visión estratéxica sobre os principais cambios que están a redefinir o sector agroalimentario, nun contexto marcado pola dixitalización, a sostibilidade, a trazabilidade, a eficiencia produtiva e a evolución das demandas do consumidor é o obxectivo que se marcou o Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) para organizar o vindeiro 18 de Marzo, de 13 a 15:30 horas, o Xantar Networking Tendencias 2026: futuro do sector agroalimentario. Sinalar que o dito encontro, enmarcado na Área de Mercados de CLUSAGA, terá lugar no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela.
Con este networking Juan Francisco Delgado, experto en innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido agroalimentario, afondará nos retos deste contexto e presentará o Informe de Tendencias 2026, un documento de referencia que analiza a evolución do sector cara a un modelo máis intelixente, conectado e baseado en datos
Asemade, durante a súa intervención, Delgado abordará as principais forzas que están a transformar a cadea agroalimentaria, facendo especial fincapé no papel da Intelixencia Artificial, a analítica avanzada de datos, a automatización de procesos e a dixitalización do campo á industria como motores de competitividade. Amais disto, exporá como estas tecnoloxías permiten mellorar a toma de decisións en tempo real, optimizar recursos, incrementar a rendibilidade das explotacións e avanzar cara a modelos máis sostibles e resilientes.
Engadir que o relatorio tamén profundará noutras tendencias fundamentais como a agricultura de precisión, a robotización, a trazabilidade integral da cadea de valor, a economía circular, a personalización da oferta alimentaria, os novos hábitos de consumo e a necesidade de cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e administracións para afrontar con éxito os desafíos do mercado global. A través de casos prácticos e experiencias reais, Delgado achegará unha folla de ruta para que as empresas poidan anticiparse aos cambios, identificar oportunidades de innovación e transformar os datos en vantaxes competitivas.
Alén disto, o xantar favorecerá o intercambio de inquedanzas con outras empresas da cadea alimentaria galega, facilitando o debate, a posta en común de boas prácticas e a creación de sinerxías que impulsen a colaboración e a innovación conxunta.
Por último, informar que a participación neste evento require de inscrición previa a través dun formulario e do pagamento do prezo do menú (50 euros/persoa). O prazo para apuntarse finaliza o 11 de marzo ás 15 horas. Para máis información cómpre consultar o programa ou contactar con CLUSAGA no teléfono 881 043 687 ou no correo global@clusaga.org