O Clúster TIC lanza un chamamento ás firmas socias para dar forma a un novo plan formativo

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia está a recoller as necesidades de capacitación das súas empresas socias a través dun formulario específico de cara ao deseño dun novo plan formativo, que se desenvolverá dende outubro de 2025 e xuño de 2026. Estas accións enmárcanse no convenio que a entidade asinará coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, con lixeiras modificacións respecto a convocatorias anteriores.
Entre as principais diferenzas están que os cursos só se impartirán na modalidade de aula virtual en directo e que cada formación constará dun mínimo de 10 horas e dun máximo de 80. Ademais, só poderán solicitalos persoas activas en Galicia, contratados por conta allea e adscritos a centros de traballo na comunidade; autónomos dados de alta no territorio galego ou desempregados rexistrados no Servizo Galego de Emprego.
En canto ás áreas temáticas, teñen que estar relacionadas coas áreas que se detallan a continuación: tecnoloxías de Intelixencia Artificial (algoritmos de Intelixencia Artificial; computación de alto rendemento; computación en nube e na periferia; tecnoloxías de análise de datos; visión por computador, procesamento da linguaxe, recoñecemento de obxectos; tecnoloxías de preservación da privacidade), tecnoloxías avanzadas de conectividade, navegación e dixitalización (comunicacións dixitais seguras e conectividade, como RAN, Open RAN, 5G e 6G; tecnoloxías de ciberseguridade, incluíndo cibervixilancia, sistemas de seguridade e intrusión, forense dixital; Internet das Cousas e Realidade Virtual; tecnoloxías de rexistro distribuído e identidade dixital; tecnoloxías de guiado, navegación e control, incluíndo aviónica e posicionamento mariño, e PNT baseado no espazo; conectividade segura baseada en satélite), tecnoloxías cuánticas (computación cuántica; criptografía cuántica; comunicacións cuánticas; distribución de claves cuánticas; detección cuántica, incluíndo gravimetría cuántica; radar cuántico; simulación cuántica; imaxe cuántica; reloxos cuánticos; metroloxía; tecnoloxías cuánticas cualificadas para o espazo) e robótica e sistemas autónomos (vehículos autónomos habitados e non habitados, de espazo, aire, terra, superficie e subacuáticos, incluíndo enxames; robots e sistemas de precisión controlados por robots; exoesqueletos; sistemas habilitados para IA).
As empresas socias poden indicar as súas necesidades formativas a través do formulario habilitado, deseñado para recoller a seguinte información: plans propios de formación organizados integramente polas entidades socias para os seus traballadores ou persoas activas alleas a súa organización, agregar alumnos a cursos organizados polo Clúster TIC Galicia, e ofrecer docentes para formacións realizadas pola asociación.
O prazo para enviar as necesidades remata o mércores 27 de agosto de 2025. Os datos aportados non son vinculantes, pero serán fundamentais para axustar ao máximo as preferencias sinaladas ás necesidades e capacidades de execución da entidade.