O Clúster TIC lanza unha nova edición de Tech Angels para impulsar startups e ideas innovadoras
xoves, 5 de marzo do 2026
O Clúster TIC Galicia vén de poñer en marcha, en colaboración co IGAPE (Consellería de Economía), a segunda edición do programa Tech Angels, unha iniciativa dirixida a novas firmas innovadoras (startups) e persoas emprendedoras de calquera sector que buscan incorporar solucións tecnolóxicas avanzadas como elemento clave para acelerar o seu crecemento, optimizar os seus modelos de negocio e mellorar a súa competitividade.
Esta acción consolídase coa figura do Tech Angel, unha evolución do concepto tradicional de Business Angel cun enfoque estritamente tecnolóxico. “Os Tech Angels son empresas socias do propio Clúster TIC Galicia que achegan o seu expertise, asesoramento, recursos técnicos ou investimento en tecnoloxías adaptadas ás necesidades específicas de cada proxecto”, sinala Jesús Lage, coordinador do programa.
Dende o Clúster engaden que “ademais do pulo inicial, a convocatoria tamén promove un compromiso duradeiro entre ambas partes, onde o Tech Angel segue involucrado de forma sostida no tempo, asegurando que a medida que as firmas crezan e evolucionen, as solucións tecnolóxicas proporcionadas tamén se adapten, garantindo así a súa innovación constante”.
“O obxectivo é que estean aliñadas coa visión estratéxica e as previsións de crecemento das startups e iniciativas emprendedoras participantes”, apunta Lage.
O Clúster TIC Galicia busca así que “empresas emerxentes e colaboradores tecnolóxicos fagan match, transformando ideas de alto potencial en realidades empresariais sólidas e con capacidade de evolución e adaptación, facilitando a súa integración no mercado, reducindo riscos e fomentando a innovación”.
Convocatoria aberta
A presentación de solicitudes xa se pode efectuar a través do formulario en liña cun modelo de portelo aberto e continuo, orientado a reforzar a axilidade, a escalabilidade e a participación sostida de startups e emprendedores.
O Clúster TIC Galicia valorará todas as propostas e seleccionará as que cumpran os requisitos establecidos, ademais de ter en conta outros criterios, como a calidade, a orientación ao mercado ou o nivel de madurez.
Posteriormente, a entidade comunicará a admisión ou non ao programa para proceder a organizar os obradoiros de asesoramento, onde as candidatas recibirán acompañamento e titorización personalizada para deseñar as súas presentacións para os Tech Angels.
Finalmente, aquelas que consigan o apoio dun partner tecnolóxico poderán formalizar un acordo de colaboración que lles permitirá navegar con destreza polo ecosistema dixital, capitalizando as súas innovacións para manterse á vangarda nun contexto de continua evolución tecnolóxica.
