O Clúster TIC pecha o ano facendo unha proclama polo impulso do talento galego

venres, 26 de decembro do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia quixo celebrar estas festas e enfilar a recta final do ano facendo un balance da súa actividade e, en xeral, do sector empresarial galego das novas tecnoloxías da información. “Este ano vén de marcar un punto de inflexión para o sector tecnolóxico galego”, sinala a agrupación, ao tempo que fai unha proclama polo impulso do talento, un eido de traballo no que o Clúster traballou arreo neste ano que remata.
O Clúster engade que “ao longo de 2025 despregamos unha intensa actividade para sentar as bases do crecemento, a competitividade e a proxección internacional do ecosistema TIC da nosa comunidade cun eixo vertebrador, a elaboración do Plan Director da Industria TIC de Galicia impulsado pola Secretaría Xeral de Industria, un documento pioneiro na historia do sector que busca reforzar o papel tractor das novas ferramentas sobre o conxunto da economía e consolidar ao Clúster como entidade vertebradora do ecosistema, baseándose en eixos clave como o impulso ao investimento, á creación de produto TIC e ás infraestruturas ou a capacitación profesional”.
Precisamente, a falta de talento é un tema crítico no sector, por iso, dende o Clúster TIC Galicia, puxéronse en marcha diferentes iniciativas formativas de carácter gratuíto ao longo deste ano para dar resposta a esta problemática:
-O proxecto de FP Dual Multiempresa, unha experiencia piloto executada en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, co obxectivo de favorecer a incorporación fluída do alumnado en empresas do sector tecnolóxico.
-O lanzamento da sexta edición do programa de capacitación integral con cursos avanzados en tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, deep learning, computación cuántica, ciberseguridade ou ciencia de datos, e no que se formaron 5.951 persoas a través de 229 cursos.
-A colaboración na iniciativa Que non te líen, ti elixes, promovida pola Xunta para alentar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre o alumnado de 3º e 4º da ESO de centros educativos galegos, a través de charlas ofrecidas por mulleres profesionais de empresas socias.
-O Campus Dual TIC é outra das propostas. Neste caso, combínase formación práctica e empresarial a través de bootcamps que dan resposta á demanda de perfís dixitais.
-A participación nas feiras de emprego de Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai), organizadas pola Xunta, no marco do Programa Retorna Cualifica Emprego, para atraer talento tecnolóxico interesado en integrarse no mercado laboral de Galicia.
Proxectos paralelos
A intelixencia artificial é outro dos ámbitos estratéxicos do Clúster TIC Galicia. Neste sentido, dende a entidade organizaron unha xornada para dar a coñecer 15 proxectos das empresas socias da agrupación, beneficiarios do programa IA360 do IGAPE.
Ademais, o Clúster TIC participou como socio en iniciativas europeas como ALLOCATE, cuxo lanzamento oficial materializouse o pasado 26 de novembro no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC. Esta iniciativa facilitará, entre outras cuestións, o acceso de empresas a grandes bases de datos que permitan desenvolver solucións de mellora na mobilidade e na xestión de residuos aplicadas a servizos públicos.
Internacionalización e visibilidade global
O impulso exterior é outra das prioridades do Clúster TIC Galicia. Nos últimos meses, a alianza empresarial galega acompañou a firmas socias a feiras internacionais como GITEX Global (Dubái), Tech Show Madrid, ou Emerge Americas (Miami), ademais de promover Nexus India e unha misión comercial inversa con entidades latinoamericanas e estadounidenses. Estas accións, coordinadas a través do Grupo de Internacionalización, “reforzan a proxección global das tecnolóxicas galegas e abren novas canles de negocio en América, Europa e Asia”, informou o Clúster, engadindo que “en conxunto, 2025 foi un ano de planificación estratéxica, cooperación e aliñamento de esforzos, no que dende o Clúster TIC Galicia reforzamos o noso papel como axente clave para a consolidación do ecosistema tecnolóxico galego, conectando empresas, administracións e centros de coñecemento e investigación arredor dunha visión compartida”.