O Clúster TIC volve colaborar no programa autonómico para fomentar vocacións STEM femininas
luns, 6 de abril do 2026
O Clúster TIC Galicia colabora novamente, este 2026, no programa Que non te líen, ti elixes, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta para fomentar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre o alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos galegos.
Esta iniciativa, centrada na orientación académica e profesional libre de estereotipos de xénero, conta así, un ano máis, coa implicación directa de dez mulleres profesionais do sector tecnolóxico que traballan en empresas socias do Clúster TIC Galicia: Olalla Rodríguez, da área de Desenvolvemento de Negocio de Sixtema; Yudani Riobó, responsable de Innovación en Quobis; Dulce Mª González, responsable do equipo IoT de Cinfo; Tamara Cutrín, responsable de Persoas e Cultura en Teimas; Lucía Martínez e Raquel Fuentes desenvolvedora e xefa de proxectos en Cinfo; María Xosé Saborido, coordinadora do Departamento de Soporte Técnico de Dinahosting; Natalia García, especialista en prevendas e implementanción en R; Fani García, manager en mercadotecnia en Codee; e Jessica Penela, desenvolvedora sénior de NET Core & React en Aldaba.
A través de charlas, encontros e actividades dinámicas, estas referentes achegarán a súa experiencia ao alumnado de 3º e 4º da ESO de once centros educativos galegos para desmontar prexuízos e fomentar o interese polas disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
O programa pretende ofrecer ao estudantado ferramentas para tomar decisións informadas sobre o seu futuro profesional, afastadas dos roles tradicionais de xénero.
Dende o Clúster TIC explican que “neste contexto, a participación de profesionais en activo resulta clave para visibilizar o talento feminino no ámbito tecnolóxico e inspirar ás novas xeracións”.
A colaboración con Que non te líen, ti elixes non é nova para o Clúster TIC Galicia, que leva seis convocatorias participando activamente na iniciativa. Para a entidade, este tipo de accións constitúen “unha excelente oportunidade para achegar de primeira man ao alumnado a realidade do sector tecnolóxico, os retos e oportunidades que presenta, así como para amosar a diversidade de perfís profesionais existentes neste ámbito”. E engade: “Iniciativas como esta tamén contribúen a reducir a fenda de xénero no ámbito tech, onde a presenza feminina segue sendo minoritaria, ademais de demostrar que o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria pasa polas aulas, promovendo vocacións sen etiquetas e abrindo camiños para o talento feminino na educación STEM”.
