O Colexio de Xornalistas publica un informe e un decálogo de boas prácticas sobre o uso da IA nos medios
mércores, 3 de decembro do 2025
O Colexio de Xornalistas achegou un informe, A intelixencia artificial nos medios de comunicación, no que subministra coñecemento útil sobre a introdución imparable da IA no xornalismo que se complementa cun decálogo de recomendacións. O documento parte da xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades celebrada en abril e dos seminarios que a complementaron, un programa realizado co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
O informe atravesa as cuestións máis candentes da dita revolución tecnolóxica, que, segundo lembra o Colexio, “evoluciona de maneira vertixinosa, provocando no mundo da comunicación numerosos desafíos non so a un nivel deontolóxico senón tamén técnico, profesional ou mesmo laboral”. Ao longo de máis de cincuenta páxinas trátanse temas como os marcos legais da intelixencia artificial, os cambios necesarios na organización das redaccións e os medios, os nesgos culturais e tecnolóxicos, os requisitos de privacidade e rastrexabilidade ou o debate sobre cara a onde debe camiñar a tecnoloxía no futuro.
“Todo isto desde a perspectiva de que a intelixencia artificial, coas súas sombras e luces, é xa unha tecnoloxía que chegou para quedar no eido da comunicación”, explican.
O relatorio compleméntase cun decálogo que estabelece unha serie de recomendacións e principios reitores do uso da IA no xornalismo a partir de dez palabras clave: ferramenta, valores, revisión, responsabilidade, límites, transparencia, diversidade, seguridade, revisión e implicación. Este documento pretende ser “un pequeno manual de boas prácticas para a presenza destas ferramentas nas redaccións, pero ao mesmo tempo quere ser un documento aberto porque a innovación constante no mundo da intelixencia artificial fai que esta disciplina mude de forma case diaria”, engadiu o Colexio.
Na xornada que foi punto de inicio deste documento, que pode verse na canle de YouTube do Colexio, participaron Verónica Bolón, Alba Meijide, Patricia Ventura, Alba Chao, Marcus Fernández, Raúl Romar García, Xabier Rolán e Ramón Salaverría. Ademais, o informe partiu tamén do contido dos webinars impartidos por Diego Vázquez, Sergio Aramburu Guillán, Alberto Garnil e Mónica López Golán e Patricia Comesaña Comesaña, que están dispoñibles para colexiados e colexiadas na plataforma de formación do CPXG.
Vídeo das xornada celebrada o pasado mes de abril
Decálogo de boas prácticas sobre IA para xornalistas
-
Ferramenta
A intelixencia artificial (IA) é unha ferramenta que existe, funciona e xa está a ser usada en beneficio de xornalistas, usuarias ou medios de comunicación. Como con outras tecnoloxías, acabará converténdose nun estándar a curto ou medio prazo, polo que a resistencia inamovible á súa utilización non é unha opción. Os e as xornalistas poden e deben experimentar coa IA e explorar as súas posibilidades. Agora ben, a súa incorporación á comunicación implica un gran número de desafíos para a profesión, polo que este non pode ser irreflexivo. Antes de recorrer a un sistema de IA, é preciso definir cal é o problema a enfrontar, analizar os beneficios e riscos e valorar se o seu uso é unha resposta adecuada. -
Supervisión
A IA pode facilitar numerosos procesos, pero o factor humano debe seguir a ser o cerne da produción xornalística. Son os e as profesionais os que poden asegurar que unha información é veraz e se axusta aos criterios e principios xornalísticos. Por iso, non se publicará ningún tipo de contido sen unha supervisión humana previa. A introdución da IA na profesión ten que ser compatible co necesario traballo de xornalistas, fotoxornalistas, persoal técnico e profesionais da ilustración, e en ningún momento pode usarse para substituír o persoal dos medios, xa demasiado reducido, por máquinas. -
Valores
O acatamento dos dereitos humanos e os principios do código deontolóxico son os principais valores que han de guiar sempre o exercicio do xornalismo, e non se poden ver de ningunha maneira menoscabados polo uso da IA nos distintos procesos de investigación ou produción de contidos xornalísticos. Do mesmo xeito, o seu uso debe cumprir coa legalidade e respectar os dereitos de autoría. Os medios de comunicación e as e os xornalistas velarán por que os principios éticos, profesionais e legais estean presentes en todos os sistemas e informacións. Isto implica tamén unha reflexión sobre os datos manexados pola IA, para asegurar a súa orixe lexítima e a súa representatividade. -
Responsabilidade
Os sistemas de IA son máquinas, e como tales non teñen capacidade para asumir a responsabilidade das informacións. Calquera produción xornalística na que interveña a IA ten que estar asinada por unha persoa ou grupo de persoas, que serán garantes da veracidade e a pertinencia da información. Así mesmo, os medios de comunicación nomearán, na medida do posible, cargos editoriais dentro do organigrama que supervisen se as ferramentas se axustan aos principios editoriais e éticos e sexan os responsables últimos do seu uso nas redaccións. -
Límites
Non todos os procesos xornalísticos son susceptibles de ser realizados mediante IA sen pór en perigo a deontoloxía profesional. Dentro do posible, limitarase o seu uso a labores de apoio, optimización de procesos, verificación ou personalización de experiencias, evitando a súa participación na xeración de contidos e sen considerala en ningún caso unha fonte informativa. Ademais, cómpre ter especial coidado co uso da IA cando menores de idade sexan protagonistas ou destinatarios da información. No que fai ás imaxes producidas por IA, usaranse unicamente de maneira ilustrativa e non informativa, evitando aquelas onde o traballo creativo das e dos artistas sexa inferior ás achegas da ferramenta, así como a substitución sistemática de fotografías de stock e arquivo. Nunca han de empregarse imaxes sintéticas en novas de última hora ou para ilustrar outras informacións nas que se poidan producir confusións sobre se representan feitos reais. -
Transparencia
O uso da IA non pode ir nunca en detrimento da confianza da audiencia. Para conseguir isto, resulta imprescindible comunicar sempre que nunha información foi usada a IA, indicando cales foron os procesos en que participou, o modelo usado e as instrucións principais; ou cando menos estabelecendo uns niveis de intervención definidos de xeito preciso. As imaxes producidas por IA deberán ir acompañadas dunha marca claramente visible que indique a súa orixe sintética. Sempre que sexa posible, os medios de comunicación darán a coñecer os algoritmos utilizados e explicarán o seu funcionamento, na busca de procesos transparentes e revisables. -
Diversidade
A implantación da IA ten provocado nalgunhas ocasións a reprodución e agudización de nesgos e discriminacións presentes de maneira previa nas nosas sociedades. As e os xornalistas non poden permanecer neutrais ante isto e porán especial atención en que as informacións e os procesos respecten a pluralidade e non prexudiquen ningún colectivo vulnerable. No caso do uso da IA para personalizar os contidos en función das persoas usuarias, cómpre evitar que as informacións individualizadas reduzan o pluralismo producindo “illas” informativas de pensamento único. -
Seguridade
Os sistemas de IA usados polos medios de comunicación deben dotarse de fortes medidas de ciberseguridade. Cando se recollan datos persoais, é especialmente importante cinxirse aos estritamente necesarios, anonimizalos se non fosen relevantes e almacenalos de maneira que se eviten usos indebidos, de cara a protexer ao máximo a privacidade da audiencia e persoas informantes. Ademais, solicitaranse consentimentos explícitos sempre que sexan necesarios e ofrecerase ás persoas usuarias acceso aos seus datos e capacidade de xestión e decisión sobre os mesmos. -
Revisión
A tecnoloxía da IA desenvólvese nun contexto dinámico e en continua actualización, polo que tanto a súa aplicación no xornalismo como estas mesmas recomendacións deberán ser monitorizadas, avaliadas e revisadas periodicamente, dentro dun diálogo necesario entre o xornalismo, o resto de sectores implicados e a sociedade en xeral. Para facilitalo, desde os medios fomentarase a formación continua dos e das xornalistas en materia de IA e estabeleceranse ou reforzaranse canles para que a audiencia poida opinar sobre o uso desta tecnoloxía. -
Implicación
Dado o nivel de desafíos que a implantación da IA supón para o xornalismo, o mundo da comunicación non pode permanecer alleo ao seu desenvolvemento tecnolóxico e normativo no futuro. Os medios de comunicación han de fomentar activamente o debate independente arredor da IA, promover investigacións que aseguren a innovación, sustentabilidade e eficacia dos sistemas e a súa compatibilidade cos valores xornalísticos, e instar os gobernos a regular o seu uso de maneira que se garantan a liberdade de prensa, o pluralismo e os dereitos humanos.
