O Concello da Coruña achega máis formación tecnolóxica para fomentar a inserción laboral

martes, 10 de marzo do 2026 S. P.

O Concello da Coruña, a través do Centro Municipal de Emprego, ultima a posta en marcha da programación de accións formativas deste primeiro semestre, no que se desenvolverán 23 cursos para persoas en situación de desemprego. Está prevista a participación de 360 coruñesas e coruñeses.
A oferta deste primeiro semestre, orientada a sectores profesionais con carga de traballo e demanda de especialistas, busca “mellorar a capacitación laboral do alumnado”, en palabras do Concello, que engade que a listaxe inclúe módulos de formación en carpintería, cociña, atención sociosanitaria, actividades auxiliares de almacén e comercio, traballos verticais, manipulación de carga con carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais en construción e aprendizaxe de inglés profesional para actividades comerciais, entre outros. A vertente tecnolóxica vén dada polos seguintes cursos: Capacitación dixital (iniciación á informática); Ofimática: procesador de textos e folla de cálculo en Linux: Write e Calc; e Marca persoal e redes sociais na busca de emprego.
Serán, en total, máis de 4.100 horas de formación repartidas entre 15 accións financiadas polo Concello e outras 8 correspondentes ao programa Éfeso, co-financiado grazas ás achegas do Fondo Social Europeo Plus.
No caso dos cursos do programa Éfeso tamén se levarán a cabo prácticas non laborais en empresas de cada sector, onde as persoas beneficiarias da acción formativa contarán cun equipo de titorización e inserción laboral para o apoio na busca de emprego.
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou o compromiso do Goberno municipal co fomento da empregabilidade, "unha liña de traballo na que vimos profundando desde o pasado mandato, co programa Coruña Suma, e á que estamos a lle dar continuidade agora, ofertando formación que teña un efecto positivo sobre as persoas participantes e tamén sobre a economía local, e que contribúa á inserción laboral".
A rexedora puxo en valor o traballo e a implicación do equipo de profesionais do Centro Municipal de Emprego, clave na organización destas accións formativas. As persoas interesadas en inscribirse nas accións que haberá ao longo deste ano poderán solicitar orientación a través do número de teléfono 981184399 ou a través da web municipal de Emprego.