O Concello da Coruña asume a titularidade absoluta da Cidade das TIC

martes, 27 de xaneiro do 2026 S. P.

Foi onte, 26 de xaneiro, cando a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, formalizaron o traspaso do complexo da antiga Fábrica de Armas para rematar o proxecto do polo de innovación tecnolóxica, no que o consistorio financiará tres edificios da universidade.
Neste emblemático lugar no que se atopa a Cidade das TIC, proxecto concibido como unha punta de lanza de innovación tecnolóxica, industrial e de investigación na Coruña, avanza cara a plena funcionalidade das antigas instalacións de Defensa.
No encontro de onte, que tivo lugar no Palacio de María Pita, Inés Rey e Ricardo Cao asinaban o convenio de cesión da Universidade ao Concello do complexo. Engadir que na antiga Fábrica de Armas, que xa acolle un dos platós de gravación máis modernos de España, entre outros servizos, o Concello investirá máis de 11 millóns de euros en catro anos para a materialización dun polo de innovación que estea á vangarda de Europa.
Desde que o 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa lle cedera os terreos á UDC, Universidade e Concello traballaron conxuntamente na elaboración dun plan para a dotación das infraestruturas necesarias para impulsar o nacemento da Cidade das TIC. Durante o ano pasado, ambas as institucións colaboraron para elaboraren un texto definitivo que definise os termos nos que se levaría a cabo a cesión do enclave e os compromisos que asumirían ambas as partes.
O Concello achegará os fondos necesarios para a creación de tres novos edificios para a universidade, mentres que a UDC empregará as instalación para desenvolver as súas actividades docentes e profesionais centradas na divulgación e o I+D+i. O Concello cederalle de balde á UDC tres inmóbeis (1, 7 e 9) para seren destinados ao proxecto, en réxime de cesión de uso.
Para rematar engadir que a previsión inicial é que a execución das obras se estenda ata o ano 2028, pero cunha posibilidade de prórroga de ata catro anos adicionais.