O Concello da Estrada presenta a súa aplicación móbil oficial
mércores, 4 de febreiro do 2026
O Concello da Estrada conta xa coa súa aplicación móbil oficial, unha nova ferramenta dixital deseñada, en palabras do Goberno local, “para facilitar o acceso da veciñanza a toda a información cultural, social, deportiva e festiva do municipio desde un único espazo e en tempo real”.
Nun plano máis concreto, o Executivo indicou que a app ten como principal obxectivo “mellorar a comunicación entre o Concello e a cidadanía, ofrecendo contidos actualizados e accesibles desde o teléfono móbil”.
Entre as súas funcionalidades destacan a axenda cultural, a axenda participativa, a información sobre festas parroquiais, deportes, desenvolvemento local, asociacións e xuventude, así como o acceso directo á emisora municipal Radio Estrada.
A aplicación inclúe tamén un sistema de avisos e alertas de emerxencia, ademais de notificacións push que se poden configurar polo usuario e que permiten recibir información relevante de maneira inmediata.
O Concello destacou tamén, no capítulo das vantaxes, o feito de que permita a publicación de eventos por parte dos usuarios.
Desde o punto de vista técnico, a app está integrada co portal municipal Aestrada.gal, compartindo contidos e axenda, “o que garante información única, sempre actualizada e unha xestión máis eficiente dos recursos”, informou o Concello.
Actualmente, a aplicación está a disposición da veciñanza para dispositivos Android a través de Google Play, mentres que a versión para iOS atópase en desenvolvemento e estará operativa en datas próximas.
“Trátase dunha ferramenta con vocación de crecemento, que irá incorporando novas funcionalidades segundo as necesidades da cidadanía”, informou o Concello.
A aplicación foi presentada en rolda de prensa polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, Javier Ramos, de AEstradaDixital, e Brais Saco, de Alia Technologies.
