O Concello de Boiro ofrece un curso de robótica para a rapazada
luns, 1 de decembro do 2025
O Concello de Boiro ofrece un curso de robótica, drons, lentes e realidade virtual e impresión 3D dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos co obxectivo de “fomentar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas básicas nunha contorna educativa e lúdica”. Para participar é preciso inscrición previa.
Nun plano máis detallada, o curso abranguerá formación introdutoria ao manexo de vehículos aéreos non tripulados, conceptos básicos de impresión 3D, introdución á realidade virtual, introdución á robótica, uso seguro de Internet e ferramentas dixitais e xogos e actividades didácticas relacionadas coa informática.
As clases terán lugar na aula CeMIT do Centro Social de Boiro todos os luns entre o 12 de xaneiro e o 30 de marzo en horario de 16.30 a 18.00 horas.
A inscrición no curso é gratuíta pero as prazas son limitadas polo que se precisa inscrición previa, que se debe formalizar entre o 1 e o 9 de decembro no Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. As bases de participación e os formularios de solicitude están dispoñibles na web municipal.
