O Concello de Boiro traballa para levar fibra de alta velocidade a 2.450 inmóbeis
xoves, 22 de agosto do 2019
O Concello de Boiro, co novo equipo de Goberno de José Ramón Romero
á fronte, vén de achegar máis información sobre a súa estratexia
para impulsar o ámbito tecnolóxico-dixital no municipio, unha
estratexia que se está a materializar en máis banda larga e máis
posibilidades de acceder á Rede de alta velocidade para a veciñanza
das parroquias, máis transparencia e participación e máis
información e comunicación local nas redes sociais. As
medidas, que xa avanzamos os días pasados, comezaron a
aplicarse. Por exemplo cos traballos que arrincaron en diversos
puntos do termo municipal para a instalación de fibra de alta
velocidade e que dotarán deste servizo a uns 2.540 inmóbeis.
Trátase de vivendas e empresas de diversos núcleos rurais de Boiro
repartidos en Abanqueiro, Comoxo, Bandalrío, Cariño, Quintáns,
Saltiño, Beluso, Brión, Coroño, Runs, Aldea de Arriba, Cesar,
Sandrenzo, Graso, A Igrexa, San Martiño, Triñáns, A Ponte Beluso,
O Seán, Ferreiros, Nine, Vilariño, Escarabotiño, Magdalena,
Peralto e Moimenta.
Respecto da nova estratexia de comunicación municipal, o Goberno
boirense engadiu que están xa postas en funcionamento as redes
sociais oficiais do Concello, Facebook,
Twitter e Instagram,
coas que se pretende “informar á cidadanía de toda a actualidade,
a vida cultural, deportiva, social, etc. do municipio”. O Executivo
local engadiu que as redes están a “ter moi boa acollida” e unha
ampla marxe de uso como “vía de comunicación directa entre o
Goberno e a veciñanza”.
En canto aos cambios previstos na web, www.boiro.gal,
ademais do portal de incidencias e o de transparencia, están
previstas modificacións no relativo á axenda e actividades, de
xeito que a web sexa máis intuitiva e a información sexa máis
sinxela de atopar.